Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta reclama novas paradas do transporte escolar no rural

Por 26 Setembro, 2021Sin comentarios

Vilalba Aberta vén de rexistrar unha nova iniciativa coa que pretende facer súas as demandas das familias do rural vilalbés, en relación co necesario incremento da dotación de paradas do servizo de transporte escolar para as parroquias.

Unha proposta, que tal e como explicou o seu voceiro municipal, Modesto Renda ten por obxectivo último o de “acadar o consenso da corporación, a fin de que o Concello inste á Xunta de Galicia a reforzar un servizo público que dende Vilalba Aberta cualifican de “dobremente fundamental para o rural.”   

Para Renda, é responsabilidade das administracións “analizar e atender as peticións de novos puntos de instalación de marquesiñas, non en termos economicistas senón de servizo público, de fixación de poboación no rural e de seguranza viaria para escolares”.

Unha opinión compartida polo seu compañeiro na asemblea de Vilalba Aberta, Luís Barrio, quen defendeu o incremento na dotación de instalacións e de servizos públicos como “o único camiño para fixar poboación no rural e contribuír ao crecemento demográfico do Concello.”

Para Vilalba Aberta é incomprensible que se manteñan obsoletas unha serie de paradas ao tempo que non se ofrecen novas alternativas, e nese senso se pronunciarán na sesión ordinaria do vindeiro xoves. O necesario consenso municipal será, pois, de novo, o obxectivo da formación.