Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

González Formoso sinala que “Galicia dereitízase porque o PSdeG non está a conectar coa sociedade”

Por 4 Outubro, 2021Sin comentarios

“Somos moitos e moitas os que estamos convencidos de que hai que volver a reconectar coa sociedade galega para evitar que as políticas de dereitas se implante en Galicia”, subliñou.

“Os éxitos do PP nas autonómicas son porque o PSdeG non logrou conectar coa sociedade galega”, sinalou Valentín González Formoso na súa visita hoxe, domingo 3 de outubro, á comarca da Mariña lucense no camiño cara a Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE. Un camiño que define coo “moi ilusionante” e no que ten o obxectivo de reconectar ao partido cos galegos e as galegas xa que

“Somos moitos e moitas os que estamos convencidos de que hai que volver a reconectar coa sociedade galega para evitar que as políticas de dereitas se implanten en Galicia”, subliñou González Formoso no seu encontro coa militancia de Viveiro. Ademais, lembrou que “Galicia non é do PP, é de quen a entenda e temos a responsabilidade de aspirar a gobernar Galicia, non conformamos con ser a terceira forza”.

O candidato está a percibir na militancia “unha necesidade de cambio de modelo dentro do partido” e cree que “os e as galegas nos mandaron unha mensaxe moi clara nas eleccións autonómicas, onde nos dixeron directamente: fomos quen de outorgarvos a confianza para que Pedro Sánchez gañase as eleccións xerais en Galicia e hoxe goberna no Estado, fomos quen de darvos a confianza para que 111 alcaldías en Galicia estean ostentadas por compañeiras e compañeiros socialistas, gobernamos tres das catro Deputacións provinciais por primeira vez na historia, na provincia da Coruña temos máis alcaldías que nunca pero, en cambio, o proxecto para Galicia non conecta coa sociedade”.

Por todo isto, observa que “a militancia pide unha revolución, un cambio, que reconectemos coa sociedade galega a curto prazo porque son moitísimos temas, e moi importantes os que están acaecendo e que necesitan do PSdeG, da social democracia, que é a ideoloxía que protagonizou os mellores cambios deste país”.

Antes de chegar a Viveiro González Formoso reuniuse coa militancia de Cervo e, xa pola tarde, fará o propio en Burela (14:45 horas) e Foz (18:30 horas). En todos estes encontros está a notar “unha gran conexión cos compañeiros e compañeiras doutras provincias” e “este percorrido, esta campaña en positivo, o que fai é enriquecernos como partido, poñernos en valor diante da sociedade galega e comprobar que o partido socialista ten en cada recuncho do país moitísimo talento que está dalgún xeito desaproveitado e que ten que agromar ao servizo de Galicia”.

Defensa da industria fronte á inacción da Xunta

González Formoso fixo na Mariña unha defensa da ‘O’ de ‘Obrero’ que forma parte das siglas do PSOE e apostou por “un PSdeG forte, que defenda ao sector industrial e aos seus traballadores e traballadoras fronte á inacción da Xunta de Galicia”, facendo unha referencia concreta a “unha comarca que está sufrindo duros golpes, o último o peche de Vestas e ntes os problemas de Alcoa”.

“O que queira apostar polos recursos naturais de Galicia ten que apostar por Galicia e por xerar emprego na nosa terra xa que o futuro destes pobos da Mariña depende de que a mocidade se quede e teña a posibilidade de desenvolver aquí a súa vida sen ter que marchar na busca de oportunidades laborais”, afirmou o candidato.

No eido da sanidade, Formoso foi rotundo ao afirmar que “Burela non pode ser o PAC da Mariña” e fixo referencia á “importancia de defender o hospital de Burela fronte ás ameazas, dotándoo de recursos e do persoal especialista adecuado para prestar un servizo tan importante como o é a sanidade”.