Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O PSOE reclamará á Xunta un plan de recuperación de servizos bancarios

Por 24 Outubro, 2021Sin comentarios

Colas nunha oficina de Abanca en Lugo

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá o vindeiro martes, a través dunha moción no Pleno da Corporación, “demandar á Xunta de Galicia un plan de recuperación dos servizos bancarios na provincia de Lugo”. Os socialistas denuncian que nos concellos de Muras, O Vicedo, As Nogais e Viveiro (Celeiro) xa pecharon as sucursais de Abanca e noutros 20 municipios da provincia o banco só abre dous días a semana.

Nesta proposta, reclaman a “a elaboración dunha Carta de Servizos Básicos que garanta a prestación dos servizos básicos de carácter financeiro, así como un plan integral de telefonía móbil no rural que permita acceder aos servizos de banca electrónica e telemática en todo o territorio, e achegar aos concellos financiamento para desenvolver plans de formación dirixidos á terceira idade para fomentar o uso das novas tecnoloxías”.

Nos últimos doce anos, e ante a pasividade do goberno do Partido Popular, Galicia perdeu o 51% da súa rede bancaria. O proceso de peche de oficinas supuxo unha drástica perda de empregos: no ano 2008, Galicia contaba con 18.518 persoas empregadas na banca; a día de hoxe son pouco máis de 13.000. Máis de 5.000 empregos perdidos ante a indiferenza e a falta de planificación económica dos sucesivos gobernos populares.

Nesta liña, os socialistas solicitan “medidas para garantir a presenza de sucursais bancarias en todos os concellos con persoal vinculado á entidade bancaria e un horario de apertura e servizos similar ó ofertado nos grandes núcleos de poboación”.

Discriminación co rural lucense

Hai que lembrar ademais que “en moitos outros lugares da provincia, as entidades bancarias abren un día á semana ou con horario reducido. Esta situación supón unha nova discriminación no acceso a servizos básicos para a veciñanza do rural. Dispoñer de efectivo, facer unha consulta sobre un recibo ou solicitar información sobre un préstamo, convértense en trámites farragosos que obrigan a un desprazamento a outra vila, co consecuente custe que lle supón ao cliente”, aseguran os socialistas.

“O Goberno de Feijóo non aposta polo rural, o que agrava a situación. Para a poboación de maior idade, que prefire os trámites presenciais, a falta de oficinas supón ter que planificar un desprazamento, sempre condicionado a cuestións como o estado de saúde, o grado de mobilidade ou dependencia, a dispoñibilidade de vehículo, a idoneidade das rutas de transporte público ou poder gastar cartos nun taxi”, advirten dende o PSdeG.