Skip to main content
Alfoz

Alfoz rendiulle unha homenaxe ao profesor e escritor Pedro Rubal Pardeiro

Por 1 Outubro, 2021Sin comentarios

 Na Casa da Cultura de Alfoz foille rendida unha homenaxe ao profesor e escritor Pedro Rubal Pardeiro, con motivo dos seus noventa anos, acto no que participaron o Alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, o deputado de Relacións institucionais da Deputación Provincial, Roberto García Pernas e o decano da Facultade de Filosofía da USC, Marcelino Agís Villaverde.

Presentouse o libro de Rubal, Fuxindo da saudade, que recolle os seus artigos publicados durante os últimos dez anos, editado co apoio do Concello de Alfoz, do que Rubal é Fillo Predilecto.

Así mesmo púxose en funcionamento a web pedrorubal.org que recolle a traxectoria vital do homenaxeado e toda a súa obra de creación. Por último, reinaugurouse a biblioteca pública municipal despois das obras nela realizadas, que se enriquece coa doazón que Pedro Rubal lle fixo da súa biblioteca persoal. 

O libro Fuxindo da saudade é un compendio dos artigos de Pedro Rubal nos que se basea en pensamentos ou tendencias filosóficas, analiza acontecementos da vida cotiá para proporcionar unha visión de especialista sobre a actualidade, de interese para especialistas e para todo lector preocupado pola marcha do noso mundo. 

A web recolle na súa integridade os libros publicados por Rubal: De Maquiavelo a Wallraff. Dos Víctimas de la hipocresía ajena; Evolución y complejidad. Perspectivas científica y metacientífica; e Fuxindo da Saudade, así como os artigos publicados na prensa escrita e revistas especializadas. Inclúense así mesmo opinións sobre o autor, formuladas por compañeiros, amigos, veciños ou alumnos deste. 

Marcelino Agís Villaverde invitou publicamente ao profesor Rubal a acudir á súa Facultade para presentar ao alumnado esta última obra súa, para que os futuros filósofos poidan comprobar a brillantez dos coñecementos, a capacidade de análise e a vitalidade deste veciño de Alfoz, que durante a súa vida foise superando paulatinamente desde os primeiros estudos por libre no rural do norte da provincia, pasando por exercer como Procurador dos tribunais, obter a licenciatura e o doutorado en Filosofía, e conseguir a cátedra nesta especialidade, que desempeñou en varios institutos da Mariña luguesa.