Skip to main content
Barreiros

Barreiros e Cogami inicia talleres para persoas con capacidades diferentes

Por 26 Outubro, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e a presidenta da Asociación de Persoas con Discapacidade A Mariña – Cogami, Emma Camaño, veñen de asinar un convenio para a realización de talleres para persoas con capacidades diferentes, coordinados desde a área de servizos sociais do concello barreirense.

A alcaldesa explicou que “a pesar de que vimos de pasar un ano e medio no que as actividades comunitarias ou colectivas se viron freadas en seco, desde o goberno municipal traballamos durante este tempo para que, no momento en que fose posible, este tipo de accións se levasen a cabo; axudando a que as persoas, con independencia de onde vivan, teñan acceso aos servizos. Por iso, estes talleres de suma importancia para lograr a integración das persoas se poden iniciar desde o mesmo momento en que se produce a volta a certa normalidade”, asegurou. 

Segundo expuxo a presidenta da asociación, “este tipo de talleres de actividades asistenciais da vida diaria en comunidade pretenden promover a autonomía persoal no medio rural contando con actuacións específicas dirixidas ás persoas con discapacidade, buscando acercar as accións á persoa con discapacidade e tendo en conta a situación da contorna onde se desenvolve persoal e socialmente co gallo de conseguir o máis completo desenvolvemento do seu potencial físico, psicolóxico e social, consonte aos seus desexos e plans de vida.”

A concelleira de Servizos Sociais, Carmen Veiga, manifestou que “estas actividades asistenciais de terapia ocupacional están dirixidas a facilitar e potenciar o benestar físico e social e a adquisición de maiores cotas de independencia e autonomía persoal por parte de as persoas con discapacidade do concello de Barreiros; conseguindo  o máis completo desenvolvemento do potencial físico, psicolóxico e social ”

A alcaldesa agradeceu á asociación Cogami A Mariña a disposición que amosou para achegar este tipo de actividades a Barreiros de xeito que se comeza a traballar en colaboración cos servizos sociais municipais con persoas que precisan unha atención específica e ás que “as administracións públicas debemos dar ferramentas para integrarse completamente na comunidade.”