Skip to main content
Burela

Burela avanza para ser recoñecida como cidade amiga da infancia

Por 30 Outubro, 2021Sin comentarios

Burela continúa avanzando co obxectivo de ser recoñecida como cidade amiga da infancia. Comezaron as xuntanzas de traballo, segundo deu a coñecer a concelleira de Servizos Sociais. 

Carmela López contou que “tivemos unha reunión telemática cunha responsable de Unicef que se baseou nuns puntos que nos marcaron para postularnos como Cidade Amiga da Infancia. Seríamos a primeira de Lugo e en Galicia agora mesmo hai 10, das que ningunha é desta provincia”.

A concelleira burelesa explicou que “para conseguir ese recoñecemento pídennos primeiramente facer unha promoción de participación infantil para o que se crea un órgano que se chama Consello de Participación Municipal Infantil, que ten un regulamento propio e participa na toma de decisións de maneira continuada, o que me parece moi interesante e niso xa estamos, cos encontros que manterán con Alejandro Ramos, dinamizador experto en grupos de participación”.

A edil de Servizos Sociais engadiu que “é necesario traballar nun plan de infancia, que elaborarán os técnicos do Concello, para o que crearemos un grupo de traballo. Hai que facer un diagnóstico de partida e indicar cantos nenos temos, cantos centros educativos hai, que recursos temos, onde están. Este plan sirve para ir avaliando a través de diferentes indicativos o que temos e o que necesitamos mellorar”.

Carmela López dixo que “temos un prazo mínimo dun ano para facer todo este traballo e postularnos. Despois Unicef decidirá se cumprimos todos os requisitos e nos recoñecen como Cidade Amiga da Infancia ou non”.

Nas últimas horas tivo lugar o primeiro taller de formación e encontro dos rapaces e rapazas que forman o grupo de participación. Xunto a eles estiveron o alcalde, Alfredo Llano, a concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, a concelleira de Igualdade, Noelia Mª Ben, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández.