Skip to main content
Cervo

O Concello de Cervo ratifica o seu compromiso coa pista de atletismo

Por 3 Outubro, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo ratifica a súa firme vontade de impulsar a primeira pista de atletismo homologada da Mariña, un proxecto que se fará realidade coa reforma das actuais pistas existentes no complexo deportivo municipal da Veiga. O Goberno local explica que as instalacións resultantes, tras as melloras que se pretenden levar a cabo, permitirán acoller adestramentos e competicións oficiais. 

Cervo pide tamén respecto para os seus veciños, instalacións e para o municipio en referencia ás críticas que algúns particulares e colectivos contrarios a este proxecto están a verter, e insisten en que as instalacións resultantes estarán abertas ao uso de todos aqueles amantes deste deporte, atletas e clubs da zona, que queiran coñecelas a empregalas.

O Goberno local explica que a súa iniciativa non é obstáculo para que outros municipios decidan impulsar novas instalacións deportivas de atletismo. De feito animan expresamente e invitan a calquera outra institución ou administración, local ou provincial, a que sigan adiante cos seus proxectos e non abandonen a idea de apostar, como fai Cervo, por dinamizar a práctica do atletismo na comarca. O Concello fará un importante esforzo dedicando fondos propios para facer realidade este proxecto, en colaboración coa Xunta, o que non impide desenvolver proxectos similares noutras localidades.

Finalmente agradecen o apoio expreso da Federación Galega de Atletismo que cualificou de “firme e acertada” a iniciativa do Concello de Cervo e da Xunta de Galicia e insisten en que, se somos capaces de superar o localismo, todos coincidirán en que o futuro complexo de Atletismo en San Ciprián será unha moi boa nova para o atletismo na comarca, tanto escolar como federado.