Skip to main content
Lourenzá

Lourenzá adheriuse aos Concellos Emprendedores

Por 17 Outubro, 2021Sin comentarios

Lourenzá adheriuse aos 22 municipios da provincia de Lugo que xa son Concellos Emprendedores. Con esta distinción súmase ao obxectivo de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.

Galicia conta actualmente con 147 Concellos Emprendedores: aos 22 de Lugo súmanse 66 na provincia de Ourense, 37 na Coruña e 22 en Pontevedra. Todos eles recollen o espírito da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica aprobada o pasado mes de febreiro no Parlamento galego e contribúen, así, a implantar unha nova cultura administrativa en Galicia para eliminar trabas burocráticas, intensificar a simplificación dos trámites e apoiar a implantación de novos proxectos empresariais. O principal obxectivo desta iniciativa é trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido económico e, nese sentido, cómpre sinalar que, como novidade, a lei fixa un prazo de tres meses para a emisión de informes por parte da Xunta e amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias.

Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia. 

Os Concellos Emprendedores, pola súa banda, comprométense a ofrecer ás empresas que mostren interese por instalarse nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e unha simplificación na tramitación administrativa. Os maiores incentivos fiscais por parte dos concellos para favorecer a chegada de novas empresas suporán unha bonificación de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes. Deste xeito, a colaboración entre as administracións públicas permite avanzar cara a unha Galicia máis competitiva.