Skip to main content
A PontenovaCultura AMARIÑAXA

Luis López, Industrial Recense: “O reto tecnolóxico xa era unha filosofía do fundador”

Por 24 Outubro, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Falamos con Luis López, director xeral de Industrial Recense, unha empresa pontenovesa fundada en 1953 que gañou o galardón dos Premios Nacionales Industrial Conectada 4.0

Cando comezou Recense a súa actividade?

Comezou no ano 1953 cun pequeno taller de fouces da man de Germán López. E en 1980 incorporamos alta tecnoloxía e renovamos a fábrica. E somos un negocio familiar no que xa estamos coa terceira xeración e que fundamentamos o noso modus operandi no compromiso e a familiaridade e integridade na xestión de cada cliente.

A plantilla é maioritariamente pontenovesa?

Si, pero xa desde fai uns poucos anos contamos con bastante xente de fóra, así que podemos falar de que dos 70 empregados que temos, máis ou menos o 50% son do municipio. Contamos con enxereiros, administrativos e programadores.

Contan con moitos medios?

A nosas naves en total ocupan sobre 12.000 mil metros cadrados dedicados a fabricación e almacén de produto terminado, controlado informáticamente. Contamos con principalmente tres axencias de transporte que colaboran connosco para asegurar unha resposta inmediata aos nosos clientes. Ademais, temos produtos, referencias especiais e embalaxe personalizada a demanda, que é onde o equipo de produción amosa a súa eficacia.

Recense segue na Pontenova malia que é un Concello no medio de vales e sen grandes autovías de comunicación. Que aporta A Pontenova a Recense?

A Pontenova, ten dous puntos fortes a destacar. En primeiro lugar, é terra de xente moi formada academicamente pois os enxeñeiros e licenciados que forman os mandos intermedios son case todos do municipio e en planta, temos moitos alumnos de Formación Profesional da zona. Por outra banda, é terra de traballadores, a xente responde moi ben, sobre todo cando temos que atender urxencias dun cliente. Esa vinculación é fundamental para poder seguir crecendo.

Estar, por exemplo, nun polígono como o do Ceao en Lugo, tería unhas importantes vantaxes de loxística e por tanto, tempo de entrega ao cliente, pero non nos podemos queixar do servizo actual e nesta vida todo non se pode ter.

Cales son os seus produtos estrela?

As pezas de fixacións como son os abarcóns, e as fixacións para industria prefabricada de formigón, ademais encargámonos do propio deseño da peza, a fabricación, o tratamento superficial e ata a embalaxe. Somos referentes en Europa nalgúns sistemas de fixación, nalgún caso, lideres.

Traballan para todo España, e tamén o estranxeiro?

Exportamos o 35% da nosa producción e lóxicamente por todo o territorio nacional.

No tocante ao galardón dos Premios Nacionales Industrial Conectada 4.0. Que significa recibilo?

Para Recense este premio significa o máximo recoñecemento industrial a nivel nacional, no tocante á dixitalización da empresa. De feito, o reto tecnolóxico xa era unha filosofía do fundador.

Cando falamos de ferramentas 4.0. Que son?

Son ferramentas que permiten avanzar na implantación da fábrica intelixente, e contamos co xemelgo dixital, a realidade virtual, a conexión de maquinas a ERP e a formación dixital.

Como inflúe ou como funciona o xemelgo dixital?

O xemelgo dixital, permite facer simulacións de situacións variables nun momento concreto na empresa, por exemplo, se queremos modificar a colocación das máquinas pois antes de facelo podemos coñecer os pros e os contras desta modificación.

E a realidade virtual?

A realidade virtual permite ver a montaxe dun produto, tanto de venda como de mantemento. Por exemplo, poderíamos ver un troquel ou unha máquina e a maneira de como hai que montalo ou desmontalo. É unha información práctica, rápida e inmediata.

Tamén dixitalizaron o seu catálogo?

Si, durante a pandemia, veunos moi ben ter este sistema implantado, xa que chegamos aos clientes con información dixital, ao non poder facer visitas.

Durante este anos houbo unha serie de crisis económicas, pero Recense mantívose forte e incluso chegou a medrar. Esto é debido a súa aposta polas tecnoloxías?

Entre outras cousas, as tecnoloxías axudaron moito. Desde sempre, asistimos a feiras, estamos co cliente, adaptámonos ao mercado, por exemplo evolucionamos de facer fouces a fixacións para renovables,  investimos en formación do persoal e facemos investimentos constantes.