Skip to main content
Viveiro

Teatro, maxia e concertos para o outono viveirense

Por 15 Outubro, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro presenta a súa programación cultural para os meses de outubro, novembro e decembro, que se realizará no Teatro Pastor Díaz. A programación para este outono inclúe distintas disciplinas artísticas con espectáculos de teatro, de maxia e concertos, con opcións para público adulto, adolescente e infantil.

A primeira función deste programa será este sábado 16 de outubro ás 20:30 horas, coa obra de teatro “Olvida los Tambores”, do grupo de teatro “Andanzas de Viveiro”. Entre os espectáculos ofrecidos destaca a actuación da Banda Municipal de Viveiro, que regresará a actuar no teatro tras a pandemia, e o espectáculo “Porvenir” da compañía Impromadrid, que tivo un gran éxito a nivel nacional e que recalará en Viveiro o 27 de novembro. 

A programación inclúe un espectáculo cada sábado dos meses de outubro e novembro. A isto súmanse dúas actuacións os sábados 4 e 11 de decembro e dous espectáculos o xoves 23 e o martes 28 de decembro, coincidindo coas semanas de Nadal. 

Ademais deste programa cultural, o Concello de Viveiro organizará actividades adicionais para conmemorar diferentes datas, como o Día contra a Violencia de Xénero ou durante o Nadal. 

“A normalidade comeza a chegar tamén á actividade cultural. Non obstante, a programación cultural de Viveiro nunca se detivo e ofrecimos opcións adaptadas ao contexto sanitario, polo que agradecemos ao público a súa fidelidade nestes meses”, subliña Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.

As entradas poden adquirirse de luns a xoves no teléfono 982560162 en horario de 9:00 a 14:00 ou no enderezo electrónico rbg.cultura@viveiro.es. Tamén será posible adquirir as entradas media hora antes da función no propio teatro.  

“A nosa prioridade como goberno é propoñer á cidadanía unha oferta cultural de calidade, con opcións para todos os gustos e idades, ademais de que sexa unha cultura segura sanitariamente”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro. 

As actuacións seguirán en todo momento os protocolos COVID-19 indicados polas autoridades sanitarias. Polo tanto, será obrigatorio o uso de máscara, gardar a distancia de seguridade así como o uso de xel hidroalcohólico. Ademais, asignaranse butacas, intentarase agrupar ás unidades de convivencia e os aforos estarán limitados segundo as restricións actuais.