Skip to main content
Viveiro

A Seguridade Social estrea a súa nova sede de Viveiro

Por 15 Outubro, 2021Outubro 16th, 2021Sin comentarios

A Seguridade Social estrea hoxe a súa nova sede de Viveiro, na que o Executivo investiu máis de 844.000 euros. Anunciouno hoxe a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, que se felicitou por esta boa nova para o concello de Viveiro e para o conxunto dos veciños da Mariña Occidental.

O novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social, situado na avenida Ramón Canosa, número 8, comezará a funcionar este venres, unha vez acondicionadas as dependencias que dan servizo a unha poboación potencial de máis de 39.000 veciños dos concellos de Viveiro, O Vicedo. Xove, Cervo, Burela, O Valadouro, Ourol, Muras e Mañón. 

Isabel Rodríguez lembrou que a apertura do novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social de Viveiro supón a culminación dun proxecto longamente agardado, que permanecía atascado ata que o Goberno de Pedro Sánchez lle deu o pulo definitivo. 

Tal como anunciou o delegado do Goberno, José Miñones, nunha recente visita a Viveiro, a entrada en servizo das novas instalacións prodúcese logo do acondicionamento do edificio que foi recepcionado pola Seguridade Social a principios do verán. 

Segundo informou o director provincial da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, o traslado do servizo ao novo edificio foi comunicado á cidadanía mediante carteis informativos instalados tanto no novo centro como no antigo e tamén se deu conta do cambio de ubicación a todas as persoas que tiñan concertada cita para estas datas.