Skip to main content
Viveiro

O PP de Viveiro insta ao goberno local a reclamar o roce da LU-P 6502

Por 28 Outubro, 2021Sin comentarios

O PP de Viveiro insta ao goberno local a reclamar da Deputación que roce as beiras da LU-P 6502 no perigoso cruce coa pista de Morgade, así, informan din que “o goberno provincial recoñeceu na máis recente sesión plenaria da Deputación a súa incapacidade para manter en bo estado o conxunto da rede de estradas da que é titular. O deficiente estado de moitas destas vías crea situacións de perigo aos seus usuarios, especialmente a aqueles que teñen que usalas con frecuencia. En Viveiro, a LU-P 6502  (de Vilalba por A Balsa a Chavín) ten, entre outros, un punto moi perigoso, que é a súa intersección coa pista de Morgade, no quilómetro 47, en Os Muíños”. 

Os populares de Viveiro, que teñen por portavoz a Óscar Rodríguez, presentarán unha proposta ao goberno local, presidido pola socialista María Loureiro para que se dirixa ao goberno provincial co fin de que adopte as medidas oportunas para eliminar a situación de risco na intersección das dúas vías. Os populares explican que “a pista de Morgade desemboca na LU-P 6502 nunha curva moi pronunciada. A maleza que medra nas beiras dificulta a visibilidade do tráfico, especialmente aos vehículos que pola vía provincial circulan desde Viveiro e pretenden incorporarse á pista de Morgade”.

Os concelleiros populares din que “é preciso cortar a maleza e que, por tratarse dunha vía provincial, esta tarefa parece corresponderlle á Deputación. Se non fora así, debido a que hai un regato, e puidera ser outro organismo o responsable de limpar as beiras, a Deputación debería de poñerse en contacto con el para que leve a cabo os traballos necesarios”.