Skip to main content
Axenda Caducada

Becerreá acollerá un curso de reciclaxe da cera da abella

Por 27 Outubro, 2021Novembro 3rd, 2021Sin comentarios

Agacal ten previsto celebrar o vindeiro martes 2  e mércores 3 de novembro un curso de reciclaxe da cera da abella. A xornada, que será en horario de mañá de 9:00 a 14:00 horas terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Becerreá.  

O obxectivo desta xornada é fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas, contribuíndo ao mesmo tempo á sustentabilidade da economía rural. Neste senso, foméntase a transferencia de coñecementos e de innovación neste sector, concretamente nos distintos usos da cera. Así, o curso versará sobre os tipos e calidades de cera, a preparación e o fundido. Tamén se abordarán os distintos tipos de laminación e estampación, así como os residuos que poida ter este produto natural. 

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector. 

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. 

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico mercedes.fra.perez@xunta.es. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982 828 370.