Skip to main content
O Corgo

Teatro este sábado no Corgo a cargo do grupo O Torques

Por 27 Outubro, 2021Xuño 21st, 2023Sin comentarios

O Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo programa para este sábado 30 de outubro en colaboración coa Asociación de Veciños de Cela Ponte de Neira a obra de teatro nomeada O Randiña, do grupo O Torques, no Local Social de Cela, no concello do Corgo, ás 20:30 horas.

Esta comedia para público adulto é unha peza orixinal creada por Juan Villarino, baseada nun personaxe real que dá nome á obra, na que se conta as peripecias deste vagabundo, O Randiña, no seu afán de evitar que se lle arrebate o único lugar que considera o seu fogar: un banco da praza. Este singular personaxe fará fronte á indiferenza, ao abuso e á marxinación tendo como única arma o seu enxeño e astucia, logrando sortear cada situación que se lle presente para saír airoso.

A obra convídanos a facer unha análise do mundo que nos rodea e do papel que desenvolvemos na sociedade desde unha perspectiva diferente.

Despois de cinco anos participando no Buxiganga da Deputación provincial, o grupo burelés O Torque ve neste novo circuíto unha oportunidade de seguir cos proxectos teatrais de corte social. O seu traballo foi medrando pouco a pouco “desde aquel 2016 que comezamos cun cursiño para rapaces, momento no que vimos a necesidade de crear un grupo de teatro e seguir traballando nesta faceta”, afirma o responsable, Juan Villarino.

Circuíto de Teatro Afeccionado

Nesta nova edición do circuíto 2021 participan dezanove compañías –catro máis que o ano pasado- ofrecendo as súas representacións co apoio da Vicepresidencia da Deputación, que dá continuidade ao programa Buxiganga con esta nova fórmula adaptada á situación de pandemia.

Xunto a Curuxán Teatro Impro (Lugo), participan Alentía Teatro (Palas de Rei), o Grupo de Teatro do Hospital – HULA (Lugo), a Asociación Cultural Abrente (As Nogais), Axóuxeres (Vilaronte, Foz), Hipócrita Teatro (Lugo), Os Palimoquiños (Lugo), Nova Escena Teatro (Lugo), Lume Escénico (A Pontenova), O Centiño (Foz), O Torques (Burela), Os Trocos (Castro de Rei), Pico do Castro (Foz), A Mariña (Cervo), Grupo de Teatro da Biblioteca Municipal de Antas de Ulla, Metátese Teatro (Palas de Rei), Os Pinchacarneiros (Lugo), Argalleiras (Chantada) e Teatreiras (Monforte).