Skip to main content
Castroverde

Teatro este sábado en Castroverde a cargo do grupo Alentía Teatro

Por 27 Outubro, 2021Xuño 21st, 2023Sin comentarios

O Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo continúa este sábado 30 de outubro coa representación da obra A escada dos contos, de Alentía Teatro, no salón de actos do CPI de Castroverde ás 12 horas.

Esta obra para público infantil e familiar conta varias historias vertebradas polas andainas dun conxunto de paiasos e paiasas que visitan distintas aldeas contando contos. Un compendio de historias narradas con tenrura e humor, tocando problemas tan importantes como a igualdade de oportunidades entre os xéneros, o acoso escolar, a cultura da paz, o recoñecemento á sabedoría e á experiencia das persoas maiores ou o valor instrumental da educación como ferramenta imprescindible no crecemento do ser humano.

Alentía Teatro nace en novembro de 2005 como unha iniciativa humilde que foi medrando e consolidándose no tempo. Participou no Buxiganga da Deputación desde os inicios do programa, e valoran moi positivamente “que este tipo de circuítos se manteñan, que nos permitan achegar a cultura e as nosas propostas teatrais a localidade onde aínda nunca estivemos, así como dotarnos de recursos económicos para crear novas montaxes”, afirman desde o grupo.

Circuíto de Teatro Afeccionado

Nesta nova edición do circuíto 2021 participan dezanove compañías –catro máis que o ano pasado- ofrecendo as súas representacións co apoio da Vicepresidencia da Deputación, que dá continuidade ao programa Buxiganga con esta nova fórmula adaptada á situación de pandemia.

Xunto a Curuxán Teatro Impro (Lugo), participan Alentía Teatro (Palas de Rei), o Grupo de Teatro do Hospital – HULA (Lugo), a Asociación Cultural Abrente (As Nogais), Axóuxeres (Vilaronte, Foz), Hipócrita Teatro (Lugo), Os Palimoquiños (Lugo), Nova Escena Teatro (Lugo), Lume Escénico (A Pontenova), O Centiño (Foz), O Torques (Burela), Os Trocos (Castro de Rei), Pico do Castro (Foz), A Mariña (Cervo), Grupo de Teatro da Biblioteca Municipal de Antas de Ulla, Metátese Teatro (Palas de Rei), Os Pinchacarneiros (Lugo), Argalleiras (Chantada) e Teatreiras (Monforte).