Skip to main content
Lugo

189 arcos luminosos, elementos ornamentais e unha figura 3D para o alumeado de Nadal lucense

Por 28 Outubro, 2021Outubro 29th, 2021Sin comentarios

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro anunciou que o goberno de Lugo vén de aprobar a apertura do procedemento de licitación do alumeado deste Nadal. Maite Ferreiro explicou que “contaremos con alumeado polo centro e polas principais rúas e prazas da cidade onde se instalarán distintos elementos ornamentais referentes ao nadal”.

O alumeado de Nadal sae a licitación cun orzamento máximo de 146.149,85€. De cara á adxudicación, o persoal técnico valorará o número de puntos de luz de cada un dos elementos, a oferta económica presentada e o aspecto estético de cada proposta. As luces entrarán en funcionamento o 3 de decembro, e permanecerán ata o 9 de xaneiro de 2022.

Este ano colocaranse nas distintas rúas e prazas un total de 189 arcos luminosos e 30 elementos ornamentais. Ademais, decoraranse 100 farolas. Entre os elementos ornamentais, destacan a instalación dunha figura en 3D na praza de Santo Domingo, preto da Praza de Abastos, que contará como mínimo con 2.600 puntos de luz e a decoración de 4 rotondas da cidade con árbores de 8 metros de altura e 1.900 puntos de luz. Noutras prazas, instalaranse outros motivos en 3D cun mínimo de 2.000 puntos de luz ou árbores de 3 metros de altura e 12.000 puntos de luz.

O percorrido do Camiño Primitivo recibirá unha decoración especial e as letras Lugo Km 100 colocadas na praza do Camiño Primitivo serán decoradas con luces.

A árbore da praza Maior, fronte ao Concello, terá un mínimo de 20 metros de altura e estará ubicada sobre unha plataforma de 8×8 metros, contará cun mínimo de 3 figuras para poder utilizalo como photocall e 15.000 puntos de luz.