Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A provincia está citada a manifestarse mañá contra a subida da luz

Por 2 Outubro, 2021Sin comentarios

A CIG anuncia a convocatoria de novas mobilizacións este domingo, día 3 de outubro, en cidades e vilas galegas, “contra a estafa da luz e por unha Tarifa Eléctrica Galega”. A central sindical chama a levar as facturas da electricidade para facer unha queima colectiva, simbolizando o queime das eléctricas que, “mentres acumulan beneficios multimillonarios, abocan á clase traballadora á pobreza enerxética”.

O sindicato nacionalista fai un chamamento a participar nestas mobilizacións diante “do imparable medre da factura da luz e a impunidade coa que actúan as eléctricas pero, sobre todo, diante do nulo papel que tanto o goberno galego como o español están a facer para  garantir, con políticas públicas, o acceso á electricidade do conxunto do pobo en condicións asequibles”.

Na provincia de Lugo as manifestación están convocadas en Lugo (diante da Subdelegación de Goberno), Monforte (diante do Concello), Foz (diante a Delegación de Facenda), Sarria (na praza da Vila) e Vilalba (na praza da Constitución). Tamén na veciña As Pontes haberá concentración, na praza do Concello.

Fronte a isto, a CIG demanda o recoñecemento da enerxía como dereito fundamental e exixe políticas públicas de intervención no sector eléctrico para garantir o acceso á electricidade ao conxunto do pobo en condicións asumíbeis.

Para a central sindical teñen que se reverter ao público as centrais hidroeléctricas que rematen a concesión e cómpre crear unha Empresa Pública Galega de Electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas e a participación noutras empresas eléctricas.

Demanda, canda isto, a fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor, para garantir que a enerxía reservada ás administracións se destina a baixar o prezo da luz, ademais da modificación do sistema tarifario, limpando a factura de peaxes que non teñan relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, que serán asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado en lugar de polas consumidoras.