Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación explica na Semana Europea das Rexións o seu modelo de atención ás persoas maiores

Por 13 Outubro, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo presentou na 19ª Semana Europea das Rexións e Cidades o seu modelo de Centros de Atención a Maiores a través dun vídeo testemuñal que relata a filosofía coa que se traballa, escóitanse voces de usuarios e usuarias, e a visión do  persoal da institución que está pegado ao día a día dos centros. O traballo audiovisual pode descargarse no seguinte enlace: https://youtu.be/nmMoU7B0cQU 

A Deputación foi seleccionada, un ano máis, para participar no maior evento anual de política rexional en Europa, un cumio que se celebra dende onte ata ao xoves baixo o lema Xuntos pola Recuperación, para participar nun taller de traballo centrado na dixitalización para apoiar un envellecemento saudable e unha mellor calidade de vida para os maiores, e a transformación dos sistemas sanitarios en Europa. 

A Deputación de Lugo presenta o seu modelo dende a convicción de que é extrapolable a calquera territorio rural da Unión Europea. Antonio, Benilde, Víctor, Pura, Herminia ou Teté son algunhas das persoas usuarias da rede pública residencial da institución que relataron nesta peza audiovisual o seu modo de vida no centro no que están residindo. Contan dende a súa óptica como ven eles a residencia e detallan a realidade social que se dá nos centros nos que conviven, onde veciños e veciñas teñen agora un novo fogar no que se aposta por manter o arraigo, se seguen as tradicións e costumes de cada zona, se aposta pola gastronomía local e onde cada acción e decisión pon no centro ás persoas. 

A rede asistencial da Deputación de Lugo ten o seu xermolo na cooperación cos concellos nos que se asentan os centros, un feito que enriquece a súa posta en marcha e funcionamento. Este modelo dá prioridade no acceso ás prazas á veciñanza do municipio, logo aos dos concellos limítrofes ou da comarca, e despois o proceso ábrese para lucenses en xeral. Ademais, o ente provincial garante que todos os veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, poidan acceder a estas prazas, posto que os usuarios pagan en función da súa capacidade económica. Agora mesmo ten 6 residencias en marcha, en Pol, Trabada, Castroverde, A Fonsagrada, Ribadeo e Pedrafita do Cebreiro, e nos vindeiros meses prevé a apertura dos centros de Meira e Navia de Suarna.

Unha política social propia da Deputación que se presentou neste taller de traballo da Semana Europea de Rexións e Cidades, que contou cun panel institucional e técnico de alto nivel que ten como obxectivo reunir institucións, rexións e cidades europeas, e partes interesadas clave para fomentar un debate sobre os desafíos que expón o proceso de envellecemento da poboación na Unión Europea e explorar as oportunidades da transición dixital para mellorar a calidade de vida das persoas maiores e transformar os sistemas de atención sanitaria e social á luz dun enfoque orientado ao envellecemento saudable. 

Xunto coa Deputación de Lugo participaron os representantes de EUREGHA (Rede Europea de Autoridades Sanitarias, Rexionais e Locais), comisarios e parlamentarios europeos, así como membros da Dirección Xeral de Apoio ás Reformas Estruturais (DG REFORM) e da Dirección Xeral de Comunicacións, Redes, Contido e Tecnoloxía (DG CNET). 

SEMANA EUROPEA DAS REXIÓNS E DAS CIDADES

A Semana Europea das Rexións e das Cidades (#EURegionsWeek) é o maior evento anual que se celebra en Bruxelas dedicado á política rexional onde as cidades e rexións exhiben a súa capacidade para xerar crecemento e emprego, implementar a política de cohesión da Unión Europea e amosar a importancia dos niveis rexionais e locais para desenvolver unha boa gobernanza europea. O cumio converteuse nunha plataforma de comunicación e rede única, que agrupa rexións e cidades de toda Europa, incluíndo os seus representantes políticos e funcionarios, así como expertos e académicos. 

Este ano celébranse 300 sesións informativas, hai 850 conferenciantes da Unión Europea e de fóra, 365 horas de conferencias interactivas, máis de 100 videoclips e 30 stands que ensinarán historias e testemuñas de diferentes proxectos. 

Durante os últimos 18 anos, a Semana Europea das Rexións contribuíu de maneira importante a promover a aprendizaxe de políticas e o intercambio de boas prácticas. En 2020, a consecuencia da pandemia, desenvolveuse a primeira EURegions Week dixital, que acadou un recórd de máis de 12.000 participantes e 510 sesións. Unha delas foi promovida pola Deputación de Lugo, que coordinou un taller de traballo xunto con tres socios europeos no que se debateu con grande éxito o reto europeo do envellecemento activo post Covid-19.