Skip to main content

O Partido Socialista na provincia de Lugo saíu reforzado do 40 Congreso Federal do PSOE celebrado esta fin de semana en Valencia coa elección do Presidente provincial dos socialistas, Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, como membro do Comité Federal.

José Tomé expresou a súa satisfacción por formar parte deste xeito do máximo órgano de control e de toma de decisións políticas do partido a nivel nacional entre congresos, ao que trasladará “necesidades e propostas para seguir avanzando no desenvolvemento das potencialidades da nosa provincia, achegar e mellorar os servizos públicos aos veciños e veciñas, crear emprego, impulsar o rural e fixar poboación”.

O Presidente da Deputación fixo unha valoración moi positiva do proceso congresual no que Pedro Sánchez renovou a Secretaría Xeral, unha cita na que “o partido demostrou fortaleza e unidade en torno ao proxecto liderado polo Presidente do Goberno”. “Do congreso saíron as liñas políticas mestras coas que consolidar a recuperación social e económica xusta fronte ao impacto da pandemia que impulsou o Goberno progresista do Estado, pero tamén foi unha inxección de ánimo, ilusión e forza despois dunha durísima etapa que servirá para afrontar con garantías os retos da post pandemia, así como os vindeiros procesos electorais”.

A delegación lucense liderada por José Tomé acudiu ao Congreso de Valencia “para respaldar e reforzar o proxecto de Pedro Sánchez, que volveu a poñer á provincia de Lugo na axenda política e no mapa das infraestruturas, despois da década absolutamente perdida que supuxeron para Lugo os sucesivos gobernos do Partido Popular con Mariano Rajoy, que anulou contratos xa asinados, como o da Estación Intermodal de Lugo”, asegurou o presidente dos socialistas na provincia.

“Reforzamos este proxecto convencidos de que facelo é o mellor para o futuro da provincia de Lugo e de Galicia. A defensa e o compromiso firmes cos servizos públicos e cunha recuperación social e económica xusta e sostible na que traballa Pedro Sánchez é tamén o mellor antídoto para os recortes e para a falta de estratexia e de visión de país de Feijóo na Xunta de Galicia”, subliñou o Presidente.