Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O BNG pedirá o apoio do Pleno da Deputación para demandar ao Estado investimentos nas vías estatais

Por 22 Outubro, 2021Sin comentarios

O BNG presentará ao vindeiro pleno provincial do vindeiro martes 26 de outubro unha moción en demanda dunha mellora do investimento previsto polo goberno do Estado para as estradas e autovías da provincia en 2022.

Desde o grupo nacionalista sinalan que na proposta de orzamentos presentada polo executivo de PSOE e Unidas Podemos, as autoestradas da provincia só aparecen simbolicamente, confirmándose e incrementándose novamente os retrasos que viñan acumulando infraestruturas clave para a mobilidade na Mariña e na Galiza interior, como a  A-74/Autovia da Mariña, a A-56 entre Lugo e Ourense ou a A-54 entre Lugo e Santiago. Engaden que, no relativo ás estradas,  só se completan unhas partidas económicas xenéricas para “conservación de estradas” e “obras de seguridade vial” claramente escasas e pouco claras. 

Fronte a estas previsións,  o BNG pedirá o apoio da corporación provincial para que a proposta do goberno do Estado se mellore antes da súa aprobación no Congreso. Concretamente, segundo explicou o voceiro provincial, Efrén Castro, a moción que se presentará a debate propón reclamar que se prioricen a A-74 e a A-56, retomando a súa execución e propiciando que se poidan acurtar os prazos das obras e licitar no 2022  o tramo que se corresponde co intercambiador que unirá a A-54 coa N-540. Tamén demandar que se inclúan nos orzamentos as cantidades necesarias para melloras nas estradas estatais, contemplando expresamente a rexeneración do firme nos treitos en peor estado.

O voceiro nacionalista advertiu tamén “da ofensiva de cargos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para tratar de convencernos de que pra mellorar as estradas non hai máis solución que cobrar polo seu uso”. Efrén Castro reiterou o rexeitamento do BNG a esta proposta “antisocial que  prexudica ás traballadoras e traballadores e que incrementa os agravios comparativos de Galiza co resto do Estado, ante a falta de sistemas de mobilidade alternativos”.