Skip to main content

A partires deste xoves, día 28 de outubro, a Xunta, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), comezará a facer efectivo o pagamento do anticipo das axudas directas da PAC correspondentes á campaña 2021-2022. En total, serán 36.940.043 euros que beneficiarán uns 15.000 agricultores e gandeiros galegos. Estes importes corresponden ás liñas de vacas nutrices e de vacún de leite.

Ademais, no vindeiro mes de decembro prevese realizar por parte do Fogga un novo pago de axudas directas, por valor de máis de 106 millóns de euros, así como o pago de desenvolvemento rural correspondente a zonas con limitacións naturais, por importe de 17,2 millóns de euros. Estes pagos beneficiarán, en conxunto, a máis de 25.000 agricultores e gandeiros da nosa comunidade.

Desta forma, un ano máis Galicia estará entre as primeiras comunidades autónomas que pagarán anticipos das axudas da Política Agraria Común (PAC). Así, o Fogga realizará o pago de anticipos tras a realización de todas as comprobacións administrativas e dos controis obrigatorios sobre o terreo. Este organismo pagador, adscrito á Consellería do Medio Rural, efectuará o pago do 70% da axuda total, o máximo establecido pola Comisión Europea.

Por provincias, Lugo é a máis beneficiada, con case 18,5 millóns de euros de anticipo. Séguenlle A Coruña, con arredor de 13 millóns de euros; Pontevedra, cuns 3,7 millóns e Ourense, con aproximadamente 1,5 millóns de euros. Por concellos, o pontevedrés de Lalín é o que maior número de beneficiarios e importes acada, seguido do lugués da Pastoriza e do coruñés de Mazaricos.