Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Xunta anuncia axudas a pemes e microempresas para investir en innovación

Por 27 Outubro, 2021Sin comentarios

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presentou esta mañá en Lugo un novo programa de impulso á innovación ao que a Xunta destina 12M€ co obxectivo de axudar a 15.000 pemes e microempresas galegas a investir neste eido.

Tal e como explicou, o foco estará posto nas pequenas e medianas empresas con potencial para innovar pero que aínda non o fixeron, así como nas situadas en núcleos non urbanos. Deste xeito, búscase estender e facer partícipes do ecosistema de innovación galego a este tipo de empresas para que sexa dinámico e representativo de todo o territorio, de todos os sectores e de todos os tamaños de compañías. De feito, involucrar ás pemes é unha das prioridades dos proxectos que Galicia está presentando aos fondos europeos Next Generation.

Entre as iniciativas que se promoverán ao abeiro deste programa destaca Camiño da Innovación, un servizo de atención ás pemes e unha exposición itinerante que percorrerá Galicia ao longo de 18 etapas que chegarán ás catro provincias. Arrincará o 5 de novembro en Vilalba e tamén pasará -na provincia de Lugo- por Cervo (8 de novembro), Monforte de Lemos (30 de novembro), Chantada (1 de decembro) e Meira (9 de decembro), onde finalizará.

Un tráiler -con zona de networking, demos e casos de éxito- estará nestas localidades para ofrecer asesoramento personalizado e mellorar as competencias dos negocios en materia de innovación.

Na súa intervención, tras participar nunha mesa de debate con responsables das empresas Legalmit, Maderas Besteiro e Comenza, Conde incidiu na importancia da innovación como elemento tractor ante a saída da crise, pola súa achega tanto á mellora da competitividade como da sustentabilidade do tecido empresarial. Segundo destacou, a innovación é a esencia da competitividade futura porque determina a capacidade dunha empresa para diferenciarse, achegar valor, adaptarse ao contorno e crecer.

Tamén subliñou a necesidade de seguir apostando pola colaboración público-privada para manter activo o dinamismo e a transformación do tecido produtivo. Neste sentido, a Xunta asinou un convenio coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) co que se busca expandir os puntos de información e asesoramento cos que conta a entidade.