Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

González Formoso defende o seu modelo de “ilusión e esperanza” para o futuro do PSOE

Por 28 Outubro, 2021Sin comentarios

Valentín G. Formoso amosa a súa satisfacción polo resultado do debate e afirma que contrapuxo “o modelo da resignación fronte o da ilusión e a esperanza”. O candidato fixo unha chamada á participación nas Primarias do sábado para “impulsar o noso modelo, que propón volver a ilusionar, volver a conectar coa sociedade, fronte a outro no que non vimos autocrítica”.

Valentín González Formoso amosou hoxe a súa satisfacción polo resultado do debate das Primarias á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE celebrado onte na sede do partido e que cualificou como “limpo e produtivo” xa que “serviu para contrastar os dous modelos de partido que se están a expoñer neste proceso”. “Fronte á resignación propoñemos recuperar a ilusión e a esperanza para que o PSdeG sexa unha alternativa ao goberno de Feijoo”, afirmou.

O candidato aproveitou para facer unha chamada á participación nas Primarias deste sábado, 30 de outubro, para “impulsar o noso modelo que propón volver a ilusionar á militancia e volver a conectar coa sociedade fronte a outro que o que propón é a continuidade dunha forma de facer política na que non vimos ningún tipo de autocrítica ou reflexión interna sobre a mensaxe que nos enviou a cidadanía nas últimas eleccións autonómicas”.

“Obtivemos grandes resultados electorais nas eleccións xerais, nas que a cidadanía quixo poñer a Pedro Sánchez á fronte do goberno, nas municipais, cos mellores números da historia, e acadamos o éxito tamén nas europeas pero, en cambio, a sociedade galega cambiou a papeleta vermella por outra nas autonómicas”, subliñou.

Formoso destacou que “o partido necesita un novo impulso, activar todo o talento e o compromiso que temos entre as nosas bases” e amosouse seguro de que “o día 30 será o comezo dunha nova etapa na que queremos contar con todo o mundo, sen exclusións, integradora, que teña os pés no chan e escoite á sociedade, que ao fin e ao cabo é o que xa facemos nos 313 municipios de Galicia nos que gobernamos ou estamos na oposición facendo a política máis achegada á cidadanía”.