Skip to main content
Castroverde

Santo Tomé de Tórdea

Por 3 Outubro, 2021Outubro 5th, 2021Sin comentarios

Por Miriam Fernández

A igrexa parroquial de Santo Tomé de Tórdea sitúase no municipio de Castroverde, concretamente nunha ladeira do extremo norte da parroquia de Tórdea, acompañada do característico atrio e cemiterio. Aínda que a simple vista pode parecer unha pequena igrexa de aldea máis, presenta certos detalles que mostran una longa e interesante evolución construtiva que propiciou algún que outro estudo (Elías Valiña Sampedro, Jaime Delgado, Rodríguez Colmenero e I. Cabarcos) tratando de coñecer a súa historia. Nembargantes estes estudos non foron tan profusos coma o realizado en 2014 polos investigadores da USC José Carlos Sánchez-Pardo e Rebeca Blanco-Rotea, os cales publicaron en 2018 un minucioso artigo na revista Gallaecia sobre o seu traballo arqueolóxico de prospección e análise estratigráfico do edificio dentro do proxecto EMCHAHE, centrado no estudio das igrexas altomedievais galegas.

En canto ás súas características actualmente a igrexa de Santo Tomé de Tórdea conta cuns 9 metros de ancho por 13 de longo, composta por unha única nave cuberta a dúas augas con remate rectangular na cabeceira, acompañada dunha sacristía pegada na súa esquina nodeste. Nas súas paredes de pedra aprécianse distintos retoques e fases de construción, unha característica apoiada polas análises estratigráficas de Sánchez e Blanco e que revelan cinco fases construtivas.

A primeira fase correspondería ó período altomedieval (S.X), presente na parte inferior do alzado sur e este da cabeceira, formada por perpiaños de granito dispostos a soga e tizón nas esquinas e de tamaño e forma irregular no muro, no que atopamos unha saeteira e zócalo que sobresae do pano do muro. A esta etapa tamén corresponderían algunhas fiadas do muro norte. A segunda fase dataría aproximadamente do século XV e a ela correspondería o muro de aparello irregular localizado na parte alta do alzado do ábside, adememais dunha celosía cuatrilobulada. A terceira fase encádrase no século XVI no marco da reforma renacentista que sufriu o edificio. A ela pertence boa parte da fachada oeste da igrexa, da nave sur e parte da nave norte, cun característico aparello mixto de perpiaño e mampostería. A fachada sur inclue unha fiestras tipo saeteira rematada nun pequeno arquiño e unha porta rematada por ménsulas lisas ó igual que o tímpano que descansa sobre elas. A fachada oeste presenta unha porta de perpiaños de gran tamaño completada por un arco de medio punto adovelado, sobre a que se localiza outra fiestra rectangular e, sobre esta, unha espadana sinxela de arco de medio punto.

A cuarta etapa corresponde coas reformas realizadas entre os séculos XVI- XVII, tal e como indica o epígrafe do interior do arco triunfal que contén a data “1719”. Nesta fase inclúese a construción da sacristía, fragmentos do muro este, norte, oeste e reformas nas vigas e cuberta. Por último, a quinta e ultima fase corresponde coas reformas contemporáneas aplicadas en boa parte do muro da fachada norte e as súas fiestras, na renovación da cuberta e os remates de muros para este fin.

Non podemos pasar por alto outros detalles singulares que atopamos nesta igrexa, elementos que reforzan esa continua evolución do edificio dende época prerrománica, como son a ménsula reaproveitada como pila de auga, unha estela discoidea a xeito de ménsula, os fragmentos de miliarios reutilizados nos muros, interior (pé de sagrario) e inmediacións e as pinturas renacentistas no interior do ábside. Nas inmediacións  atopouse unha lápida funeraria do ano 790 e coñécese que a vía  XIX romana pasaba ben preto. Segundo os apuntamentos de Sánchez e Blanco tamén é posible que esta igrexa se trate de “Sancto Iuliano de Tordena”, propiedade do bispo Pelayo de Lugo a finais do s.X.

Por tanto o que podemos afirmar é que Santo Tomé de Tórdea erguese coma unha construción de grande interese histórico e arqueolóxico e unha das poucas edificación que conserva alzados prerrománicos na zona norte de Galicia, característica que a fai merecente de protección, conservación e fonte de futuros estudos.