Skip to main content
Castroverde

O PP de Castroverde insta ao alcalde a concretar cando abrirá o centro de día da residencia

Por 30 Outubro, 2021Sin comentarios

O portavoz popular en Castroverde, Rubén Otero, insta ao alcalde, José María Arias, a concretar cando abrirá o centro de día da residencia de maiores e lamenta que permitira que o seu grupo no organismo provincial deixara se aclarar, en resposta ao PP, este asunto no pasado pleno.

“Con frecuencia, tanto na vida, en xeral, como na política, en particular, hai que elixir entre lealdades, é dicir, hai que elixir quen ou que é prioritario para cada un. O alcalde de Castroverde, José María Arias, ten moi claras algunhas das súas preferencias e así o deixa ver nos plenos que celebra a Deputación provincial, de cuxa corporación forma parte”, di Otero.

“Arias non dubida en defender os intereses do goberno provincial, sinaladamente do seu presidente, e os do seu partido, en contra, cando é preciso, dos intereses do municipio do que é alcalde, o que é tanto como dicir en contra dos veciños de Castroverde”, así o sinala o portavoz municipal á vista de que Arias non fixo nada no pleno por aclarar cando se abrirá o centro de día da residencia da terceira idade de Castroverde, “nin apoiou, senón que votou en contra, o incremento do 25% do Plan Único (76.000 euros máis para Castroverde),  proposto polos populares; tamén votou contra a iniciativa do PP para que a Deputación arranxe o cinto comarcal (LU-P 1611), que tanto afecta a Castroverde”, engadiu o popular.

Rubén Otero sinala “non podo dicir que me sorprendera o sentido do voto do alcalde, José María Arias, no último pleno da Deputación. Sorpresa non foi porque xa nos ten acostumados. Pero é que esta vez a súa maneira de actuar pasou a liña do tolerable. Non se pode dar prioridade continuamente ao interese de partido sobre os intereses dos veciños do municipio que se goberna. E iso é o que fixo” .

Otero destaca que son numerosos os veciños de Castroverde que queren utilizar o centro de día. É preciso entre outros motivos, di o concelleiro popular, para que as familias poidan conciliar a vida familiar e laboral. “É inaudito que permita que un membro do mesmo goberno provincial do que el forma parte se permita non aclarar cando van abrir os centros de día da rede de residencias da Deputación. Para nós, os veciños de Castroverde, é algo moi grave que o noso alcalde e deputado sexa incapaz de conseguir que abra este servizo”.