Skip to main content
O Corgo

Denuncian a agresión de dúas mámoas no Corgo

Por 20 Outubro, 2021Outubro 21st, 2021Sin comentarios

O día 11 de outubro de 2021 Patrimonio dos Ancaras denunciou ante o Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a recente destrución dunha mámoa e a agresión a outra situada na parroquia de Gomeán.

Estes enterramentos foran documentados polo este colectivo o día 15 de outubro de 2019, e comunicados ao día seguinte a Patrimonio para que procederan á súa catalogación. O día 18 de decembro de 2019, dende Patrimonio comunicaron que, despois da visita efectuada polos seus arqueólogos, que comprobaron que se trataba duns enterramentos prehistóricos, quedaban catalogados cos nomes de Túmulos 1 e 2 de Valverde-Coto de Matafaxín, incluíndose no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, pasando a gozar de protección legal.

Explican que unha das mámoas, duns 18 metros de diámetro, foi practicamente arrasada por maquinaria pesada, producíndolle enormes surcos que ocasionaron que perdera case toda a masa tumular. A outra, duns 17 metros de diámetro, tamén sufriu o paso da máquina, producíndolle profundas fendas coas rodas.

Dende Patrimonio dos Ancares solicitan á Xunta de Galicia que, en cumprimento da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, “abra inmediatamente o preceptivo expediente sancionador por falta moi grave no primeiro caso, e grave no segundo. Tamén lle pedimos que nos informaran se para a área de cautela se solicitou o obrigado permiso para efectuar traballos de remoción de terras”. Urxen unha rápida inspección xa que a roturación do terreo realizouse, “sen dúbida, para algún tipo de plantación o que podería agravar, máis se cabe, o lugar onde se atopan o que ocasionaría, para empeorar o xa irreemprazable, facerse con outro tipo de información arqueolóxica”.

Dúas imaxes da mámoa de Matafaxín, no Corgo. Fotos de Xabier Moure