Skip to main content
Lugo

O Campus de Lugo recibe este ano 20 estudantes do grupo de galegos do exterior que fan o postgrao

Por 1 Outubro, 2021Sin comentarios

A vicerreitora Montserrat Valcárcel, o Secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a subdirectora Xeral de Retorno, Begoña Solís, manteñen un encontro cos 20 estudantes de posgrao no campus lugués que gozan este curso dunha das 200 Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) outorgadas pola Xunta de Galicia.

A mocidade retornada ou ‘galegos do exterior’, entre a que se atopan os outrora emigrantes galegos ou aqueles estudantes estranxeiros ligados a Galicia pola súa condición de descendentes de homes ou mulleres protagonistas da emigración, outorgan músculo internacional á sede universitaria luguesa e reforzan a súa proxección cara a Iberoamérica, de onde proceden 18 dos 20 titulados universitarios que este curso 2021-2022 comezaron estudos de mestrado no Campus de Lugo cunha das 200 Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) outorgadas pola Xunta de Galicia para a realización de estudos de posgrao no Sistema Universitario Galego (SUG).

O Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, puxo en valor os méritos académicos probados polas persoas beneficiarias das bolsas BEME no marco dun encontro con este grupo de estudantes celebrado na Facultade de Humanidades e no que tamén participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o decano Gonzalo Fernández Suárez; a subdirectora Xeral de Retorno, Mª Begoña Solís Domínguez, e Jesús Villadóniga Gómez, xefe do Servizo de Planificación e Xestión de Programas de Retorno da Xunta de Galicia.

A vicerreitora Montserrat Valcárcel agradeceu na súa intervención a decisión tomada polos bolseiros e bolseiras BEME para ampliar a súa formación de posgrao no Campus de Lugo, un feito que denota a calidade e a pertinencia dos mestrados ofertados pola USC, así como as novas posibilidades que ofrecen para acceder ao mercado laboral.

Os mestrados en Dirección de Proxectos, Servizos Culturais, Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN), Dirección de Empresas e Innovación e Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria conforman os títulos que centraron este curso as preferencia dos estudantes beneficiarios das bolsas BEME, segundo indicou Valcárcel.

O Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia fixo tamén unha especial alusión a Arxentina, o país de procedencia da maioría (11 persoas) desta quenda de bolseiros, entre os que tamén se atopan estudantes chegados de Cuba, Venezuela, Brasil, Uruguai, México e mesmo doutras comunidades autónomas de España.

O acto de benvida ofrecido este xoves polos responsables da Xunta e da USC a este grupo de estudantes “galegos do exterior”, segundo precisou  Rodríguez Miranda, serviu tamén para achegarlles información tanto sanitaria como respecto de trámites administrativos e burocráticos, tales como o empadroamento, a xestión do DNI ou da tarxeta sanitaria. Asemade, un técnico da Consellería de Sanidade ofreceulles unha charla sobre a normativa Covid actual en Galicia, así como sobre a vacinación.

A dotación económica das bolsas BEME oscila entre 7.000 e 11.500 euros, en función do lugar de procedencia da duración do mestrado en curso, segundo se lembrou neste acto de benvido, no marco do que tamén se fixo unha presentación da Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia (Ajerga).