Skip to main content
Lugo

Preparado o plan de Tráfico para os días festivos

Por 2 Outubro, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo activará un plan de tráfico para a celebración do San Froilán co obxecto de manter a seguridade da cidadanía e crear alternativas de tráfico ás rúas que se pecharán durante as festas con motivo do Feiral, que se desenvolverá desde o día 4 ata o 12 deste mes de outubro.

O feiral celebrarase, como ven sendo tradicional, nas vías inmediatas ao Parque Rosalía de Castro (lugar de localización do recinto feiral). Ademais, a Horta do Seminario acollerá os distintos concertos, o patio do Edificio Administrativo do concello destinarase para actividades e espectáculos e o cantiño Nemesio Cobreros e a explanada contigua á rúa Soto Freire estarán dedicadas a diferentes exposicións.

As vías incluídas dentro do recinto feiral serán a explanada do Pazo Municipal dos Deportes, costas do Parque, paseo Vila de Foz, Avenida García Portela, Praza de Avilés e Avenida Rodríguez Mourelo. En canto o asentamento das caravanas das e dos feirantes realizarase igual que o ano 2019, nas rúas incluídas dentro das Unidades de Actuación Norte 1 e Norte 2 (inmediacións do centro comercial As Termas).

Este plan de tráfico consta de dous procedementos, e aplicarase dende as 18:00 horas de hoxe ata as 08:00 horas do xoves día 14 de outubro.

A Ronda da Muralla, o tramo comprendido entre Porta de Santiago e Rúa Vilalba quedará aberto esta tarde a partires das 19.00h.

Procedemento A:

Será o que se manteña mentres permaneza pechado o recinto feiral e se permita a circulación pola Ronda da Muralla, Rúa Vilalba, Avenida de Ramón Ferreiro.

Durante este procedemento, as vías incluídas dentro do recinto feiral cortaranse ao tráfico os días que permaneza en funcionamento este, e irá en función da afluencia de persoas. A hora de referencia as 18:00 horas.

Procedemento B:

Este dispositivo aplicarase se é necesario cortar a ronda da Muralla á altura da rúa Santiago. Aplicarase aos días festivos, ás fins de semana e as tarde do venres 8 de outubro e vésperas de festivo, coincidindo cunha maior afluencia de público.

En principio estará vixente dende o as 18:00 h do luns, 4 de outubro ata a 01:00 h do mércores, 6 de outubro, así como dende as 18:00 h do venres, 8 de outubro ata a 01:00 h do luns, 11 de outubro. Finalmente, se voltará a activar dende as 18:00 h do luns 11 de outubro ata a 01:00 h do mércores, 13 de outubro.

En todo caso, os horarios ou datas deste procedemento poderán ser modificados tendo en conta a afluencia de persoas ao recinto feiral.

As vías afectadas pola instalación de atraccións de feira, cando se poña en marcha algún dos dous procedementos soamente poderán ser empregadas por vehículos que teñan xustificada e acreditada a necesidade de circular por elas, sendo potestade da Policía Local a verificación destes extremos.

RÚAS AFECTADAS POLO FEIRAL

Avenida Rodríguez Mourelo:

A calzada situada na marxe da Audiencia Provincial permanece invariable encanto ao sentido de circulación. Prohibirase o estacionamento en ambas as dúas marxes dende as 00:00 horas do venres 1 de outubro.

A calzada da marxe dos institutos cortarase totalmente ao tráfico rodado para a instalación dos carruseis.

Praza de Avilés:

Cortarase parcialmente ao tráfico e permitirase o paso dos vehículos cara a Avenida Doctor García Portela e a Rúa Armando Durán.

Avenida Doutor García Portela:

A calzada adxacente ao Parque Rosalía de Castro cortarase ao tráfico para a instalación das atraccións de feira. A do lado dos edificios habilitarase en dobre sentido de circulación para o acceso de residentes e servizos. Fronte ao número 15 habilitarase unha zona de carga e descarga en horario das 09:00 ás 13:00 horas, e das 16:00 ás 19:00 horas.

Rúa Puro Cora:

Nesta rúa que estará cortada ao tráfico, permitíndose só o paso de residentes a garaxes, habilitaranse no lado do Parque de Rosalía de forma provisional catro prazas para realizar operacións de carga e descarga, dúas prazas para os medios de comunicación, seis prazas para persoas con diversidade funcional, seis prazas para xulgados e outras seis prazas para as actividades programadas polo Concello.

Rúa Cidade de Viveiro.

Esta rúa será de dobre sentido de circulación dende Rúa Santiago permitindo soamente o acceso a residentes, ata Rúa Isaac Díaz Pardo, limitando o estacionamento na marxe dereita en todo este tramo.

Rúa Isaac Díaz Pardo.

Esta Rúa entre Rúa Cidade de Viveiro ata Rúa Avelino Pousa Antelo mudará o sentido de circulación para facilitar a saída de residentes tanto da Rúa Vilalba, Carril dos Loureiros e zonas de influencia pola Rúa Cidade de Viveiro.

Rúa Avelino Pousa Antelo.

Esta Rúa mudará de sentido de circulación para facilitar a saída de residentes tanto da Rúa Pascual Veiga como de Rúa Puro Cora.

Rúa Santiago:

Esta vía pasará a ser en todo momento de sentido único de baixada, no tramo comprendido entre a ronda da Muralla e a avenida da República Argentina. Así daráselle maior fluidez ao tráfico da Ronda da Muralla, que permitirá (procedemento A) ou non (procedemento B) o paso de vehículos no tramo que viña estando cortado entre a Porta de Santiago e a Rúa Vilalba en función da situación de funcionamento do Recinto Feiral.

Rúa Armando Durán:

Sinalizarase para que o acceso dos residentes se realice pola rúa Pintor Corredoira. O primeiro treito dende a praza de Avilés ata a rúa Xácobe III de Inglaterra estará reservado para o Xulgado, e a continuación prohibirase o estacionamento no resto da vía para facilitar a circulación en ambos os dous sentidos.

Rúa Alcalde Anxo López Pérez:

Esta vía se pechará ao tráfico rodado excepto para autobuses interurbanos dende Praza da Constitución e Rúa Cidade de Vigo. O resto de tráficos xerados dende a Praza da Constitución terá como opción prioritaria de saída a Rúa Cidade de Vigo que será de dobre sentido de circulación.

Rúa Cidade de Vigo:

Establécese en dobre sentido de circulación durante as festas para facilitar o acceso de vehículos con destino ao aparcadoiro da praza da Constitución, residentes con praza de garaxe, vehículos auto-taxi e carga-descarga da Estación de Autobuses. Para iso prohibirase o estacionamento do lado dos inmobles e seguirase permitindo en batería fronte ao muro da Estación de Autobuses.

Praza da Constitución:

Sufrirá cambios no seu ordenamento para facilitar a entrada e saída de vehículos despois dos cambios realizados na rúa Cidade de Vigo.

Vías afectadas e medidas para adoptar durante a aplicación do procedemento B:

Ronda da Muralla:

Terá un corte de tráfico á altura da rúa Santiago. Desviarase todo o tráfico da Ronda pola Rúa Santiago a excepción dos residentes de Ronda da Muralla, Rúa Vilalba e Avenida Rodríguez Mourelo e permitirase o acceso de vehículos autorizados e de residentes das vías das inmediacións do Parque de Rosalía de Castro por Rúa Cidade de Viveiro.

Carril dos Loureiros:

Terá un cortada o acceso de tráfico rodado, soamente permitido a residentes. Tendo que derivarse o resto de usuarios por Rúa Isaac Díaz Pardo.

Avenida de Ramón Ferreiro:

A calzada que discorre fronte aos centros educativos habilitarase no sentido habitual. A oposta sufrirá corte do tráfico rodado á altura da súa confluencia coa Rúa Salvador de Madariaga.

Avenida de Ramón Ferreiro confluencia con Rúa Pintor Corredoira:

Prevese ter que cortar o tráfico que saia de Rúa Pintor Corredoira en dirección á Rúa Celso Emilio Ferreiro en momentos puntuais ou días concretos, desvíándoo cara á praza do Reí para dar fluidez á circulación nese punto.

Residentes e usuarios de zonas con mobilidade restrinxida:

As e os residentes e usuarios con praza de garaxe afectados polos cortes de tráfico, as e os condutores dos vehículos que utilizan as áreas de estacionamento interiores dos distintos centros escolares que se atopan no interior do recinto feiral e a súa área de influencia, quen realice operacións de carga e descarga, incluidas/os feirantes, poderán desenvolver a súa actividade sen prexuízo do pertinente control policial.

CARGA E DESCARGA E TAXIS

Carga e descarga: Avenida Doctor García Portela e Rúa Puro Cora.

Taxis: Co motivo das festas patronais, o servizo de auto-taxi reforzará o servizo do numero de taxis dispoñibles, concretamente nas paradas da praza de Santo Domingo e praza da Constitución. Para dar un mellor servizo ás persoas usuarias do taxi, permitírase o acceso destes vehículos á zona acoutada do recinto feiral e á súa área de influencia, sempre que as condicións do tránsito peonil así o permitan.

Espazo habilitado para os medios de comunicación:

Os medios acreditados disporán dunha reserva de espazo na rúa Puro Cora para facilitar o seu labor informativo.

Patio do edificio administrativo do Concello:

Dende as 08:00 h do xoves 30 de Setembro ata as 00:00 h do sábado 16 de outubro, prohibirase o estacionamento de vehículos no recinto debido á montaxe, desmontaxe e celebración das distintas actividades de San Froilán Miudo.