Skip to main content
Lugo

A biblioteca de Lugo programa actividades infantís todos os venres

Por 4 Outubro, 2021Sin comentarios

O público infantil e familiar será protagonista da actividade prevista pola Biblioteca Pública de Lugo, xestionada pola Xunta, para o mes de outubro. Haberá maxia, contacontos, música e un obradoiro de construción. Ademais, o centro instalará ao longo do mes mostras conmemorativas do Día das escritoras, o 18 de outubro, e do Día das bibliotecas, o 24.

Así, o pasado venres desenvolveuse un obradoiro de arquitectura inchable con Nuria Prieto González, dirixido a público familiar con rapazada de 6 a 12 anos. O día 8 chegará Xandobela e o seu espectáculo O chineiro da tía María, no que se utiliza a técnica tradicional italiana cantastorie. Nela mestúrase narración, pintura en grandes lenzos e música. A sesión é tamén para público familiar, con nenos e nenas de 3 a 8 anos.

Na xornada do 15 será a quenda da maxia e a poesía con Pínconús Teatro e Abrapalabra, para cativada de 4 a 10 anos, e o 22, de Caramuxo Teatro, con Redondo, un espectáculo que xoga coas formas dirixido a bebés de ata 3 anos. Pecha o mes Pablo Díaz acompañado do guitarrista Rubén Barros co concerto Novas vellas melodías, para público familiar. Todas as sesións terán lugar ás 18,00 horas.

Ademais, co gallo da conmemoración do Día das escritoras -que se conmemora o 18 de outubro- instalarase ao longo de todo o mes a mostra bibliográfica Novas escritoras hispanoamericanas. Do mesmo xeito, no marco do Día das bibliotecas, haberá unha escolma de material bibliográfico e audiovisual arredor do universo do libro.  Por outra banda, o día 11 chegará ao centro bibliotecario a exposición da Dirección Xeral de Xuventude Xuventude Crea, que permanecerá ata o 10 de novembro.

Na primeira metade do mes continúan as mostras arredor do cinema abertas en setembro, coa exposición Benvido a Lugo, Mr. Berlanga, Berlanga e herdeiros, con filmes do director e outros posteriores influídos pola súa obra e  Cine, cine, cine…Máis cine por favor, con biografías, estudos de xéneros cinematográficos e libros de referencia sobre a sétima arte. Tamén segue podendo visitarse ata o día 10 a selección de obras de Mario Camus, director e guionista falecido recentemente.