Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo recorrerá ante ao TSXG ao considerar improcedente a resolución do TACGAL sobre o contrato do lixo

Por 7 Outubro, 2021Sin comentarios

A Administración entende que o organismo autonómico excede as súas competencias en materia de contratación ao entrar a avaliar aspectos urbanísticos do prego. O Goberno local denuncia que as continuas suspensións do proceso atrasan a posta en marcha dun servizo que resulta esencial para a cidade. O concelleiro de Cs mostrouse moi crítico coa xestión socialista en relación ao concurso de adxudicación do servizo. Pola súa banda o PP non entende “o tiro no pé” de Méndez e Arroxo ao xudicializar o concurso do lixo.

O Concello de Lugo recorrerá ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que considera como inxerencias cometidas polo TACGAL (Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia) sobre o procedemento do contrato de limpeza viaria e recollida de lixo.

A administración entende que o organismo autonómico excedeu as súas competencias en materia de contratación ao entrar a avaliar aspectos urbanísticos do prego que obrigarían a admitir a unha das 6 empresas que foron descartadas durante o proceso.

“Cuestións que non gardan relación coas materias polas que debe velar o TACGAL e que contradín os criterios dos técnicos municipais especialistas no campo urbanístico que informaron o expediente e nos que se sustentou a decisión da Mesa de Contratación”, indicou o tenente de alcaldesa e portavoz do Goberno local, Miguel Fernández.

O Goberno local denuncia así que as frecuentes suspensións que está a sufrir o proceso – que até o momento foi paralizado en tres ocasións (en xaneiro, maio e agosto de 2021) – están a atrasar a posta en marcha dun “servizo que resulta esencial para a cidade en tanto afecta ao seu aseo e, consecuentemente á súa imaxe, comprometendo, á vez, á salubridade pública”, manifestou o voceiro do Executivo quen tamén recordou que concluír a súa licitación “é unha das principiais prioridades da alcaldesa, Lara Méndez, consciente de que se trata dunha das maiores necesidades que ten Lugo e á que quere dar resposta coa maior axilidade posible”.

O tamén edil de Medio Ambiente explicou que “dende o Concello, atendimos con celereidade e en todo momento os requirimentos do TACGAL e fomos quen de entregarlle toda a documentación que nos solicitou acreditando sempre a solvencia dos pregos dun xeito impecable tanto dende o punto de vista técnico como xurídico. Porén, seguimos sen poder avanzar nin concluír a licitación mentres o contrato en vigor se atopa prorrogado e, polo tanto, non nos permite cubrir cos estándares de calidade que queremos e cos que podemos desenvolver esta prestación”, engadiu Fernández.

“Falamos dunha adxudicación que duplica o custo da anterior e supera os 134 millóns de euros nos 10 anos aos que se atopa limitada a súa execución, o que a converte na de maior contía económica do municipio xa que suporá ao redor do 13% de cada orzamento anual. Se esquecer tampouco que afecta a un aspecto fundamental do municipio como é a súa limpeza e a retirada dos residuos que xeramos”, referiu o tenente de alcaldesa.

Miguel Fernández lembrou que o novo contrato suporá un cambio cuantitativo e cualitativo na prestación pero tamén na percepción que a cidadanía terá sobre a calidade da mesma.

O novo servizo incluirá a execución de todas as operacións precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboredo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas. Tamén como tarefa ordinaria contemplará o aseo e baleirado de papeleiras e incrementarase non só a frecuencia coa que se realizan os labores, senón tamén o número de dispositivos especiais que se desenvolverán acordes a existencia de áreas de alta densidade residencial, contornas industriais, ou zonas como o mercado, praza de abastos, mercadiños ou espazos de ocio, axustándose ás necesidades específicas de cada un deles”, indicou o concelleiro.

A adxudicataria deberá, ademais, renovar a totalidade dos colectores actuais – case 3.700 en todo o termo municipal – e aumentalos ata un mínimo de 4.200, incorporar a recollida selectiva orgánica, de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria e incrementar o persoal, a maquinaria e os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos. Igualmente, outros dos requisitos que figuran nas bases é a creación dunha planta de gas para a subministración de todo o parque móbil municipal.

Adiar a súa entrada en vigor é poñerlle freo ao progreso e supón un grave prexuízo para Lugo, ao noso entender, a todas luces inxustificable que está impedindo que a veciñanza dispoña dun servizo de calidade, adecuado ademais ás esixencias sanitarias actuais e, sobre todo, que camiñe en consonancia co modelo de cidade á vangarda da sostibilidade que xa somos”, concluíu Miguel Fernández

CIDADÁNS

O concelleiro de Cs Juan Vidal-Pardo censurou esta mañá a xestión levada a cabo polo Goberno local en relación ao proceso de adxudicación do novo contrato de lixos. «Tras anos de atraso e tres paralizacións do proceso de adxudicación, resulta canto menos indignante que o responsable de Medio Ambiente, Miguel Fernández, teña a pouca vergoña de asegurar agora que a decisión do TACGAL compromete a salubridade pública. O que realmente compromete a salubridade pública é a falta de interese evidenciada polo PSOE ao que non lle importou estar desde 2017 co contrato caducado. Desde Cs levamos anos avisando de que era necesario iniciar o novo concurso sen que movesen nin un só dedo. A consecuencia da súa inacción tradúcese en que os veciños e veciñas de Lugo sufran cada día os inconvenientes dunha cidade sucia, cun servizo de recollidas desfasado e cunha alarmante incapacidade para completar o proceso de reciclaxe cos seus residuos», sinalou o concelleiro.

PARTIDO POPULAR

Por outra banda, o viceportavoz do Grupo Popular pregúntase cal é o motivo polo que PSOE e BNG actúan “no seu propio prexuízo e o dos lucenses e danse un tiro no pé ao levar a decisión do Tacgal sobre o contrato do lixo ao TSXG”.

Os populares afirman que “Méndez e Arroxo están a boicotear o concurso que eles mesmos sacaron a licitación e arríscanse a posibles indemnizacións millonarias no caso de que se resolva que a postura do Tacgal é a correcta”. Ameijide pregúntase “que intereses ocultos teñen socialistas e nacionalistas para xudicializar o pronunciamento do Tacgal.