Skip to main content
Lugo

O colectivo de persoas xubiladas da CIG mobilizouse en Lugo

Por 8 Outubro, 2021Sin comentarios

Xubilados e pensionistas da CIG concentráronse na rúa Armañá de Lugo diante a Subdelegación do Goberno Civil para protestar contra a reforma das pensións que se está a tramitar no Congreso dos deputados, porque “non garante unhas pensións dignas e consolida os recortes que supuxeron unha redución das pensións en 2011”.

O colectivo lembrou que o goberno xa advertiu que esta é a primeira parte dunha negociación que “anticipa novas perdas de dereitos en base a exixencias da Unión Europea”.

Neste sentido, denunciaron o que consideran un novo “exercicio de cinismo”, ao anunciar a eliminación do factor de sustentabilidade e substituílo por outro ao que eufemísticamente denominan “factor de equidade interxeneracional” que, entenden que “suporá novos recortes nas pensións das xeracións do baby boom ao penalizar o aumento da esperanza de vida”.

Rexeitou ademais que se manteña a reforma das pensións do 2011 que supón “manter unha caída das pensións do 25%, xa que supuxo unha ampliación da idade de xubilación aos 67 anos e o aumento do período de cálculo aos 25 anos”.

PENSIÓN MÍNIMAS POR DEBAIXO DO QUE DI A CARTA SOCIAL EUROPEA

Nas diferentes mobilizacións o colectivo denunciou tamén que con esta nova reforma non se garante o poder adquisitivo das prestacións xa que as pensións mínimas non chegan ao 60% do salario medio do Estado de acordo a carta social Europea, e que sería neste momento de 1.150 € ao mes.

Alertou de que “seguen anulando a xubilación parcial, penalizan a xubilación anticipada, atrasan a idade de xubilación e fomentan o aumento da vida laboral mentres impiden a entrada da xente nova ao mundo do traballo, cronifican a emigración e o paro xuvenil entre os menores de 25 anos”.

E acusou ao goberno de condenar a moitas persoas traballadoras a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico. “Mentres reducen a cota empresarial a Seguridade Social por continxencias comúns durante as incapacidade temporais das persoas maiores de 62 anos que eles mesmos castigan. Subvencionando as empresas a cargo da caixa da Seguridade Social”.

Respecto do diálogo social, afirmaron que é unha ferramenta do capital contraria aos intereses da clase traballadora e da defensa do sistema público de pensións. Ao seu entender “é un exercicio da corrupción institucional do estado español ao negociarse ás agochadas o futuro do sistema público de pensións fóra dos ámbitos de representación institucional”.

A este respecto, denunciaron que fomentan os plans privados de pensións de emprego sustentados na negociación colectiva e que “privatizan parte das pensións atendendo as peticións da banca e das corporacións financeiras, aumentando a fenda entre persoas traballadoras precarias e non precarias”