Skip to main content
Lugo

Concello e Auxilia actualizan a web de Lugo Accesible

Por 16 Outubro, 2021Outubro 17th, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo, en colaboración con Auxilia, da un paso máis cara a acadar unha cidade inclusiva e sen barreiras. Para iso, relanza a web de Lugo Accesible (https://lugoaccesible.com/), mellorando o canal existente e actualizando toda a información de interese para que as persoas con algún problema de discapacidade poidan visitar e coñecer a cidade e todos os recursos públicos e privados a súa disposición.

A nova plataforma foi deseñada co obxectivo de que “sexa máis intituitiva e adaptada tamén a todos os dispositivos electrónicos, e recolle información de interese sobre como visitar a cidade sen barreiras arquitectónicas,  tanto a parte histórica e cultural, así como de organismos públicos, pero tamén ofrecendo toda a oferta de turismo accesible de hoteles, cafeterías e restauración”, sostivo o vogal de Auxilia Lugo, Aquilino González.

Con este fin de “impulsar o turismo accesible se incluíu tamén a información en inglés”. Ademais, engadiu González, “existe un apartado para que as persoas poidan derivar a través dela as queixas e suxestións sobre barreiras arquitectónicas, e así axudarnos a avanzar na mellora da cidade neste sentido”.

Nestes traballos, a asociación Auxilia participou no proceso de renovación e facilitou todo o contido e fotografías aos creativos ao tempo que supervisaron que todo estivera correcto, xa que “o fundamento para desenvolver unha web accesible radica en comprender que as persoas acceden a Internet de modos diferentes e por iso foi moi importante a súa participación para que a partir desta mellora máis usuarios poidan ter acceso á información”, sinalou González.

Na web se lembra xa no seu inicio que “Lugo é unha cidade moi accesible ao visitante. Sobre todo o seu caso histórico onde se poden visitar prácticamente todos os monumentos que se sitúan nun espazo asumible para calquera desprazamento, con boa pavimentación, rúas peatonais e total ausencia de barreiras arquitectónicas”.

Froito deste “traballo constante desenvolvido da man das asociacións”, Lugo conseguiu avances que foron premiados con prestixiosos recoñecementos de nivel nacional e internacional, como o Premio Nacional Reina Sofía de Accesibilidade; a distinción de Destino Turístico Accesible de España (2015); a Mención Especial nos Premios Europeos de Accesibilidade -Access City Award- (2016); e a declaración como Cidade Mapcesible pola Fundación Telefónica (2019). O Concello de Lugo mesmo foi convidado no 2017 pola Comisión Europea a expoñer en Bruxelas o seu modelo de cidade con motivo do Día Europeo da Discapacidade.

NOVA WEB

Actualmente, a web recolle diferentes apartados encamiñados a facilitar a visita da persoa con mobilidade reducida á cidade. Recolle información sobre Lugo Romano, Lugo Turístico, as zonas verdes da cidade e tamén rutas accesibles. Concello e Auxilia queren facilitar que as persoas que decidan visitar a cidade poidan escoller o establecemento hoteleiro que mellor se corresponda coas súas necesidades. Tamén se recolle un apartado de mobilidade onde as persoas poden atopar as diferentes vías de transporte e todo o relacionado con este. Para finalizar existe tamén un apartado de suxestións, ben para poñer queixas sobre barreiras arquitectónicas que se podan atopar ou ben para incluír o seu local na web de accesibilidade municipal.