Skip to main content
Lugo

O PP pide que se recupere a escultura de Paco Pestana da Praza Roxa

Por 16 Outubro, 2021Sin comentarios

O Partido Popular presentará un rogo á Comisión Cultura para que o bigoberno “repare e reubique a escultura de Paco Pestana situada na Praza Roxa e que está nun estado deplorable”.

“Trátase do San Sebastián Alanceado unha peza á que lle falta a cabeza e que está destrozada e pouco ten que ver xa coa peza orixinal”. Os populares explican que a escultura, que estaba situada nunha peana nun lateral da praza, trasladouse de forma arbitraria de lugar e agora a súa peana é un muro que hai  neste espazo público”.

O Partido Popular xa advertiu no ano 2018 da situación na que se atopaba esta peza de Pestana e, agora, reclama que “a mellor forma de homenaxealo é restaurar e poñer en valor a súa obra”. Nese senso propoñen que “unha vez se arranxe esta peza se consensúe con todos os grupos da corporación unha nova ubicación para o San Sebastián Alanceado que ben podería ser nun dos novos espazos peonís como, por exemplo Quiroga Ballesteros ou o espazo que se habilite na zona da Mosquera”.

Para o PP é un deber do goberno local poñer en valor a riqueza artística que hai en Lugo e aproveitan esta petición para reclamar a redacción dun inventario dos elementos escultóricos do municipio para evitar que esculturas como esta de Paco Pestana queden esquecidas ou apartadas nun ricón”.  Este inventario poderíase utilizar para promocionar a cidade, para recompilar as obras escultóricas de artistas lucenses con traxectorias de recoñecido prestixio na páxina web do Concello e que mesmo incorporar a información nos planos guía do rueiro.