Skip to main content
Lugo

Propietarios das fincas da Tolda instan ao Concello á unión do Paseo do Miño co do Rato

Por 18 Outubro, 2021Outubro 19th, 2021Sin comentarios

O PP desvela que o goberno de Lugo ten sobre a mesa dende hai dous anos unha petición dos propietarios das fincas da Tolda para que o Concello llas expropie ou permute e que así se poida unir o Paseo do Miño co do Rato. Antonio Ameijide indicou que ata en dúas ocasións (4 de xuño de 2018 e 21 agosto de 2020) os veciños rexistraron senllas peticións solicitando que se lles comprasen os terreos para completar esta operación.

“Nós xa nos reunimos cos afectados e nos trasladaron o seu interese en vender os terreos que se necesitan para completar este anel. Así llo levan manifestando, en reiteradas ocasións, ao goberno local sen que se lles dea ningún tipo de resposta”. Por este motivo, os populares bríndanse a intermediar nesta negociación xa que os afectados teñen en propiedade o 80% dos terreos que se necesitarían e o outro 20% do terreo desta franxa é patrimonio, na súa gran maioría, da CHMS e do Ministerio, ambas administracións gobernadas por administracións socialistas polo que non debería haber problemas nesta operación”, concluía.

“Queremos que nos expliquen as xestións que realizou o goberno de Lugo para comunicar estes paseos” lamentando que en vez de pechar o cinto verde de Lugo a alcaldesa prefira gastar os fondos europeos en proxectos absurdos como as charcas de auga do billa quentadas cun quentador que se van facer nas inmediacións do Miño” ou que se empeñe en crear novos chiringuitos “con fins electoralistas tamén subvencionados pola Unión Europea para publicitar a súa imaxe ecofriendly”.

“Nós o que reclamamos é a adquisición de aproximadamente 39.829 metros cadrados que, na actualidade, presentan un estado selvático para unir os paseos do Rato e do Miño, en lugar do mini proxecto que figura na memoria de Evislusa, que consiste unicamente en acondicionar un sendeiro peonil mantendo o estado selvático dos terreos”.

Ante esta situación, Antonio Ameijide recorda que en 2018 o seu grupo xa defendeu no pleno unha iniciativa, e conseguiu a súa aprobación, para realizar un plan estratéxico baseados en tres eixos fundamentais tendo ao río Miño como elemento vertebrador de espazos seguros de ocio, deporte e esparcemento.

Para isto, sinalan os populares, é preciso ampliar a zona verde coa adquisición dos terreos necesarios para completar e unir o paseo do Miño e o Rato. Un proxecto que se debería complementar, explicou Antonio Ameijide, “cun plan estratéxico de mantemento e creación de sendeiros biosaudables con paneis informativos, para o que é necesario redobrar os esforzos para manter os camiños interiores e o mobiliario do parque periurbano en perfecto estado”.

Pola súa banda, dende o Concello informan de que “ademais de estar traballando no seu peche, o Executivo local, quixo ir un paso máis aló para avanzar na unión dos parques do Miño e do Rato cunha visión moito máis ampla e en consonancia coa estratexia de planificación de cidade que impulsa Lara Mendez”, sinalou o portavoz Miguel Fernández.

“Precisamente, para favorecer o enlace entre ámbolos dous espazos, a rexedora encargou un estudo que ten por obxecto a identificación e ordenación do parque lineal verde de Lugo. Un documento, elaborado ao abeiro da estratexia Life Lugo + Biodinámico, no que non só se recolle o devandito proxecto senón que, ademais de acondicionar a contorna fluvial, prevé a súa ampliación coa creación doutro itinerario que teña continuidade a través da trama urbana, coa finalizade de seguir pulando pola renaturalización dos barrios, engarzando todos proxectos que neste momento se están a desenvolver no concello”, avanzou o tenente de alcaldesa.