Skip to main content
Lugo

Análise da avenida da Coruña para diminuír o seu tráfico e o impacto ecolóxico

Por 19 Outubro, 2021Sin comentarios

Unha vez finalice o desdobramento de Infanta Elena quérense crear novos fluxos de circulación que rebaixen a presión na avenida da Coruña e deseñar unha contorna máis humana e confortable.

O Concello de Lugo vén de impulsar a análise do comportamento da mobilidade urbana da cidade para coñecer o seu impacto ecolóxico e mellorala, no marco do proxecto de municipio sostible que desenvolve o Goberno local.

Así, instalouse un  equipamento tecnolóxico na avenida da Coruña, “unha localización escollida por ser esta unha das principais arterias interiores da cidade con maior fluxo de circulación”, subliñaron. O custo total dos traballos, que no seu conxunto terán unha duración dun mes, é de 17.250 euros.

A actuación consistirá na colocación de varios puntos de control ao longo da vía, mediante 5 sensores Bluetooth e 7 cámaras de gravación de intelixencia artificial que dispoñen dunha caixa de batería interna, polo que non resulta necesario conectalas a ningunha rede de alimentación. A súa posta en marcha será, por tanto, sinxela e rápida, pouco invasiva, o que evitará molestias á veciñanza e permitirá, posteriormente, avaliar, nun segundo informe, a pegada de carbono xerada polo tráfico neste punto da capital pero tamén, e sobre todo, buscar solucións para diminuíla.

O obxectivo é, aproveitando o desdobramento da avenida Duquesa de Lugo e a súa continuidade nunha próxima segunda fase, que Infanta Elena poida absorber parte do tránsito que actualmente soporta a avenida da Coruña, para facer desta unha zona máis confortable e habitable para toda a cidadanía e que contribúa a dinamizar ao pequeno comercio.

Dende o equipo de Goberno local explicaron que os sensores irán situados en mastros, báculos ou semáforos, en diferentes cruzamentos.

Os dispositivos Bluetooth encargaranse de analizar a orixe, o destino e os tempos de percorrido que realicen os automóbiles por esta zona mentres que as cámaras avaliarán o comportamento do tráfico mediante visión artificial.

Tendo en conta a programación semafórica, contaranse e clasificaranse todos os elementos involucrados na mobilidade urbana que transitan pola avenida da Coruña, diferenciando entre vehículos lixeiros, pesados, autobuses, motos, de mobilidade persoal (incluídas as bicicletas) e tamén os peóns. De xeito que os sensores serán configurados para crear zonas de detección nas interseccións, rotondas e accesos permitindo coñecer as traxectorias que seguen.

Ademais da monitoraxe, o seguimento do servizo executarase con total precisión para posibilitar a interpretación especializada dos datos e a posterior realización de informes, conclusións e recomendacións.

Toda esa información será trasladada mediante gráficos e histogramas de maneira que poderán identificar, dunha forma moi visual e intuitiva, cal é a situación que se rexistra na contorna e o comportamento das distintas tipoloxías de tráfico ao tempo que o estudo terá en conta factores como o aforo de vehículos ou os xiros que se efectúen en cada cruce.

Os dispositivos, que estarán operativos até o próximo 31 de outubro, ubicaranse en distintos puntos da avenida da Coruña, dende o cruzamento coa Rolda da Muralla; nas proximidades das interseccións con García Abad, Irmáns Carro e Poeta Curros Enríquez, Illas Cíes; ao pasar río Narla fronte ao parque de Frigsa; a altura da rúa Poeta Manuel María, no paso de cebra ao superar a rúa Dolmen cara Ángelo Colocci; na praza Ramón Falcón antes da Rolda Norte e, finalmente, diante do Parque de Bombeiros, en Garabolos.