Skip to main content
Lugo

Aprobada a renovación do alumeado das rúas Montirón e Mapoula

Por 19 Outubro, 2021Sin comentarios

O tenente Alcalde e concelleiro responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo aprobará mañá a contratación da obra de renovación a rede de alumeado público nas rúas Montirón e Mapoula, no treito que vai da rúa San Roque á Ronda das Mercedes. Rubén Arroxo explicou que “o alumeado actual ten xa máis de 20 anos, e quedou obsoleto, dado que algunhas das luminarias utilizadas na zona xa non se fabrican”.

A Xunta de Goberno aprobará maña a execución desta obra a Instalaciones Eléctricas Coruñesas SL, cun orzamento de 65.198,78€. Os traballos terán un prazo de execución de 8 semanas. Rubén Arroxo lembrou que desde a área de Mobilidade e Infraestruturas adicaron preto de 3 millóns de euros na renovación do alumeado público da cidade nos últimos dous anos, onde se substituíron en moitas zonas luminarias con elementos contaminantes como o vapor de mercurio ou sodio por luminarias LED de baixo consumo e mellor eficiencia enerxética.

A instalación actual desta zona está formada por luminarias de Vapor de Sodio de 150W e luminarias fluoresecentes de 70W, que “serán substituídas por luminarias LED con consumos inferiores e cunha mellor luminosidade”, explicou o Tenente Alcalde, que engadiu “isto permitirá, ademais de aforrar no gasto realizado polo concello en enerxía eléctrica, mellorar a seguridade das veciñas e veciños, aplicando tamén a perspectiva de xénero e reducir as emisións de CO2 á atmosfera”.