Skip to main content
Lugo

Cidadáns urxe ao Goberno local un plan de mellora da contorna da N-VI

Por 21 Outubro, 2021Sin comentarios

A voceira municipal de Cs, Olga Louzao, instou ao Goberno local a elaborar un plan integral para mellorar a seguridade e a calidade de vida dos veciños que residen na contorna da N-VI na zona norte do municipio. “Os núcleos de Milleirós, Pacios a Tolda de Meilán, Tirimol ou Bocamaos, así como os veciños e veciñas dos camiños de Tronzo e Rozanova sofren unha importante falta de seguridade viaria no seu día a día. Actos rutinarios como deixar o lixo nos colectores, coller o bus ou cruzar a vía supoñen un problema pola falta de organización do espazo urbano na contorna da N-VI. Por todo isto solicitamos ao grupo de Goberno que planifique unha actuación global encamiñada a mellorar a seguridade viaria en este tramo de case un quilómetro na saída norte da cidade, desde a rotonda que conecta coa avenida Benigno Rivera ata o desvío da estrada LU-234”, sinalou a edila da formación laranxa.

“É necesario establecer un contacto directo co Ministerio de Fomento para levar a cabo esta tarefa, por iso urximos a este Goberno a que realice esta xestión o antes posible. A N-VI neste punto do noso municipio supón unha barreira que limita o desenvolvemento social dos veciños e que constitúe un risco para a seguridade e resta calidade de vida a poboación afectada. É necesario esixir a Fomento solucións, como por exemplo o soterramento do mesmo modo que o Ministerio está a planificar nesta vía en outros municipios, como na zona de Perillo, en Oleiros”, indicou Louzao, quen tras varias visitas a estas parroquias e despois de escoitar de primeira man os problemas descritos pola veciñanza, considera necesario realizar varias actuacións de forma inminente ata que se complete o proceso necesario para executar unha acción global que inclúa sistemas de illamento acústico.

“Deste xeito instamos a resituar os colectores de lixo nas rúas interiores para evitar o tránsito pola beiravía da estrada nacional, especialmente en Camiño de Rozanova e no Camiño do Tronzo. Así mesmo e necesario mellorar a seguridade das paradas do bus urbano neste espazo, xa que varias atópanse na propia estrada ou en cruzamentos onde as persoas usuarias do bus carecen de ningún tipo de seguridade e adoecen dunha falta de alumeado público que aumenta o risco”, dixo.

“Por outra banda, a pasarela sobre a estrada que conecta o marxe este co oeste atópase nun estado de conservación deplorable e incumpre os estándares mínimos de accesibilidade ao contar cun desnivel insalvable, no só para unha cadeira de rodas ou para o carro dun bebé, se non para unha persoa maior. Esto ten como consecuencia que moitos veciños e veciñas non poidan cruzar a estrada e teñan que camiñar pola beiravía un tramo que nalgúns casos supera os 550 metros para poder cruzar. É necesario e urxente emendar esta situación nun espazo urbano que leva décadas sen ningún tipo de investimento municipal”, concluíu.