Skip to main content
Navia de Suarna

A Deputación adxudica equipamento do centro de maiores de Navia de Suarna

Por 2 Outubro, 2021Outubro 3rd, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno deste venres a adxudicación de 3 dos 5 lotes que conforman o contrato para dotar de equipamento ao Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna. En concreto, adxudicáronse por un total de 186.000€ os lotes correspondentes ao mobiliario xeral; equipos médicos, xogos e material pedagóxico e axudas técnicas; e pequenos electrodomésticos e material de limpeza.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou de que coa adxudicación destes tres lotes, quedan dous pendentes: o de lavandería, que está pendente de que a empresa proposta como adxudicataria presente a documentación necesaria; e o de cortinaxe, que se volverá a sacar a contratación tras quedar deserto. “A nosa previsión é abrir a residencia de Navia de Suarna a finais deste ano”, lembrou Porto.

Seguindo o modelo residencial da institución provincial, o de Navia de Suarna será un centro de pequeno tamaño que contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. A día de hoxe a Deputación de Lugo ten en marcha centros en Trabada, Ribadeo, Pol, Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro e prevé abrir o de Meira nas vindeiras semanas.

ANCARES

A Xunta de Goberno tamén aprobou a resolución definitiva da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva destinadas a entidades asociativas sen ánimo de lucro das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses para o desenvolvemento e posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios na anualidade 2021.

Trátase dunha nova liña de axudas a través da cal a Deputación de Lugo concedeu un total de 83.000€ a 23 entidades que traballan nestes espazos protexidos e que teñen como obxectivo o desenvolvemento sostible do territorio.