Skip to main content
Quiroga

Quiroga acolle un ciclo de conferencias sobre o manexo do estado hídrico das cepas

Por 31 Outubro, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

Un ciclo de conferencias sobre O manexo do estado hídrico e xestión da vexetación empregando restos de xistos nos viñedos da provincia de Lugo desenvolveranse na Casa da Cultura de Quiroga os días 8, 9, 10 e 16 de novembro.

Estas charlas, organizadas polo grupo de investigación Proxectos e Planificación da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra – xunto cunha unidade da Universidade de Santiago, asociada ao CSIC e o Instituto de Ciencias da Vide e do Viño da Rioxa – pretenden transferir ao sector vitivinícola da provincia ferramentas para manexar de xeito eficiente o estado hídrico dos viñedos, combinando co uso dos sistemas de fertirrega. Co deseño desta actividade preténdese dar respostas os viticultores, para que poidan manexar eficientemente os seus viñedos ante o estrés hídrico das vides, vencellado a unha irregularidade nas condicións climáticas nas zonas vitícolas.

Un proxecto pioneiro sobre o estudo do beneficio do cascallo de lousa no pe das cepas para controlar a vexetación e para reducir a cantidade de auga que precisan estase levando a cabo nunha viña de José García Mondelo, na zona da Carballeira, dende xullo do ano 2019. Aforro de man de obra en rozas, na aplicación de herbicidas ou emprego de produtos menos agresivos; así como cepas máis nutridas e resistentes ás enfermidades relacionadas coa humidade ambiental – como o mildiu ou o oidio – son os obxectivos que se perseguen con este proxecto de Hidrofertilización en Viñedo do departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade Politécnica de Lugo, que agora ten os seus primeiros resultados.

A colocación de cascallo de lousa foi o inicio do proxecto. A partir de aí o campus de Lugo encargaríase de colocar ondas para poder medir a humidade do terreo cada dez días e estudar como medra a vexetación e como saen as uvas dos acios. O seguinte paso foi instalar unha estación meteorolóxica na viña, que ademais de medir parámetros meteorolóxicos, presta atención á humidade do solo ou, incluso, á das follas das cepas para lograr información máis adecuada de cara ás doses de rega. Por último a instalación do denominado “tratamento control”, que permite comparar a evolución das vides regadas (todos os días, dúas veces á semana ou unha vez á semana) coas que non se regan.

O profesor Javier J. Cancela, responsable do estudo levado a cabo en Quiroga, abrirá o programa o 8 de novembro, ás 18.00 horas, na Casa de Cultura de Quiroga, cun relatorio titulado Manexo do estado hídrico dos viñedos en Galicia, emprego de xisto nas liñas do viñedo. De seguido, Cristina Álvarez Núñez, do Clúster da Pizarra de Galicia, falará sobre as propiedades do xisto galego.

O emprego de material vexetal para viñedos na Ribeira Sacra centrará o 9 de novembro a intervención de María Alburquerque, de Viveros Villanueva Vides. Jesús Yuste, do Instituto Tecnolóxico Agrario de Castela León, tratará nesta sesión a xestión da agua nos viñedos e os efectos da rega na produción de calidade. Unha charla a cargo de David Uriarte, do Centro de Investigacións Científicas e Tecnolóxicas de Estremadura, sobre os efectos da frecuencia da rega sobre o viñedo en clima mediterráneo, servirá de peche da xornada.

O asesoramento no manexo de rego en viñedo e as técnicas agronómicas encamiñadas a atrasar a maduración da uva centrarán a temática dos relatorios que ofrecerán o 10 de novembro no marco deste ciclo Amelia Montoro, do Instituto Técnico Agronómico Provincial de Albacete, e Luis Alberto Mancha, do Centro de Investigacións Científicas e Tecnolóxicas de Estremadura.

O profesor e investigador na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC Benjamín Rey abrirá a quenda relatorios do 16 de novembro cunha charla sobre manexo da fertirrega en viñedos galegos e uso combinado coa incorporación de xistos en liña. Ao remate da súa intervención, o Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra, pechará o programa cunha exposición sobre a xestión integrada de recursos naturais na zona vitícola do sur de Lugo.
O programa de relatorios, organizado en colaboración coas diversas administracións locais, provinciais e autonómicas, ademais de coa do Concello de Quiroga, do Xeoparque Mundial Montañas do Courel, do Clúster da Pizarra de Galicia e do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, vai dirixido a profesionais ligados ao sector vitivinícola, aínda que está aberto á participación de todo o público. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición de balde na páxina Web do Grupo de Investigación PROEPLA:
https://conferenciasmanejoquiroga.proepla.com/gl/registro