Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

A ARI da Ribeira Sacra solicita axudas para rehabilitar ou construír vivendas

Por 5 Outubro, 2021Sin comentarios

Recibidas este ano un total de 67 solicitudes de axudas para rehabilitar ou construír vivendas para uso residencial nalgún dos 25 concellos que conforman a Área de rehabilitación integral (ARI) da Ribeira Sacra, unha figura de carácter supramunicipal declarada en febreiro do ano pasado.

Durante unha visita a Pantón para coñecer os traballos executados nunha das vivendas que resultaron beneficiarias destas subvencións, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que, ata o momento, xa se concederon 24 axudas pero que o Instituto Galego da Vivenda e Solo aínda está a analizar parte das solicitudes recibidas, xa que o prazo de presentación rematou o pasado 30 de setembro.

Cómpre lembrar que é o segundo ano que a Xunta convoca esta liña de subvencións dirixida a particulares, comunidades, agrupacións de propietarios e administracións públicas con inmobles localizados dentro da ARI da Ribeira Sacra para realizar traballos de mantemento e rehabilitación, tanto no exterior como no interior. Entre as actuacións subvencionables tamén se inclúen as obras de demolición de vivendas unifamiliares e edificios co fin de promover outras de nova construción.

O importe máximo das axudas ás que poden aspirar os solicitantes é de 25.000 euros, unha contía prevista para aqueles casos nos que as obras se adapten ás recomendacións da Guía de cor e materiais.

No caso da vivenda que visitou hoxe a conselleira, os propietarios recibiron unha subvención de 22.200 euros coa que sufragar as melloras executadas en materia de eficiencia enerxética, intervindo sobre a fachada e a cuberta, pero tamén no seu interior.

Co seu apoio económico a actuacións de rehabilitación como esta, subliñou, a Xunta promove a recuperación do patrimonio xa construído e, á vez, pon en valor o potencial das vilas e aldeas da Ribeira Sacra como lugares atractivos para vivir, un recoñecemento avalado tamén pola Unesco coa súa declaración oficial, o pasado 15 de setembro, como sétima reserva da biosfera de Galicia.

Neste sentido, a conselleira explicou que a convocatoria da liña de axudas da ARI da Ribeira Sacra forma parte do Plan de acción estratéxico aprobado pola Xunta no ano 2019 co fin de impulsar este extenso territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense e que se caracteriza pola súa gran riqueza natural, paisaxística e etnográfica.

Deseñado como un paquete de 10 actuacións desde o punto de vista urbanístico e medioambiental, e cun orzamento total estimado de 4,5 millóns de euros, Ángeles Vázquez indicou que, nestes momentos, o 90% das medidas previstas no marco deste Plan xa están en execución.

Por iso, de cara ao futuro e tras a proclamación da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, avogou por seguir traballando para demostrar que é posible combinar a conservación da biodiversidade e do patrimonio natural que caracteriza esta zona, cun desenvolvemento económico e turístico sostibles.

Licitación actuación no Balneario Augas Santas

Por outra parte, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar por case 100.000 euros o contrato para humanizar e mellorar o estado actual do viario que conecta o balneario de Augas Santas coa praza que leva o mesmo nome en Pantón.

Trátase dun proxecto de mellora integral desta vía municipal de 350 metros onde se construirá unha beiravía para mellorar a accesibilidade e a seguridade e para homoxeneizar o estado da mesma, pois presenta unha topografía variable.

Os traballos tamén comprenden a instalación de tubaxe para recoller as augas pluviais, a definición dun muro para delimitar o paseo, a colocación de iluminación na totalidade do viario, así como a instalación da sinalización.

As empresas interesadas en optar a este contrato dispoñen ata o 22 de outubro para presentar a súa oferta, que ten un prazo de execución de dous meses.