Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Éxito nas rutas fluviais pola Ribeira Sacra na ponte do Pilar

Por 13 Outubro, 2021Sin comentarios

As rutas fluviais pola Ribeira Sacra foron un gran atractivo na ponte do Pilar, chegando practicamente a completarse as prazas dispoñibles. O embarcadoiro de Ponte do Sil recibiu 1.110 viaxeiros, o que supón un 97% de ocupación, e, por outra banda, a viaxe polo río Miño alcanzou o 85%, o que supón 381 viaxeiros. En conxunto, esta fin de semana gozaron preto de 1.500 persoas deste atractivo turístico cada vez máis demandado polas persoas que visitan este territorio.

A Deputación de Lugo, que é a organizadora, vén de aumentar ao 90% os aforos das embarcacións, adaptándose ás novas disposicións sanitarias autonómicas, publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). Desde o organismo provincial mantéñense vixentes as restantes medidas de prevención e contención da Covid-19, como as distancias de seguridade, o uso de máscaras, a desinfección dos monocascos ou a hixiene de mans. Tamén se continuará evitando que se produzan concentracións de persoas nos embarcadoiros.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, valorou positivamente estes datos e destacou que “a ampliación do número de viaxeiros non chegou a cubrir a demanda para estes percorridos, e na ruta de Belesar fixemos dúas viaxes a maiores durante a fin de semana para cubrir as solicitudes”. Os catamaráns da Deputación de Lugo contribúen a aumentar o efecto multiplicador que este servizo turístico da Deputación ten na economía da Ribeira Sacra, sobre todo na hostalería e no comercio local.

As persoas que desexen realizar estas viaxes poden reservar o seu billete na páxina web reservas.rutasembalses.es, contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas.

As viaxes en catamarán da Deputación de Lugo son un dos grandes atractivos da Ribeira Sacra para os visitantes deste territorio. No que vai de tempada, que arrancou no pasado mes de marzo, máis de 26.000 persoas gozaron xa desta oferta turística, delas, 16.000 durante o verán, o que supón practicamente o 100% das prazas que estiveron dispoñibles.

Prezos e horarios

A institución mantén un ano máis os prezos para favorecer o fluxo de viaxeiros e a actividade económica que xera este servizo na zona sur. Deste xeito, as tarifas van dos 9 aos 4 euros, tendo en conta se a viaxe se fai con billete ordinario ou reducido, ou con tarifa de grupo.

Ata a ponte festiva de decembro, as embarcacións saen de mércores a domingo, con dúas viaxes por día, na ruta que parte do embarcadoiro Ponte do Sil, e nas fins de semana, na ruta que sae do embarcadoiro de Belesar.