Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Continúan as xornadas de portas abertas das rutas dos viños de Galicia

Por 17 Outubro, 2021Sin comentarios

Destacan o valor engadido que achega o viño para dinamizar a oferta turística da Ribeira Sacra durante todo o ano. No transcurso dunha visita á adega Abadía da Cova (O Saviñao) no marco das 10ª Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, apuntouse que “a viticultura e o viño son inseparabales doutros sinais de identidade desta zona como a paisaxe e o patrimonio, polo que é un acerto aproveitar en conxunto esas fortalezas para seguir consolidando este territorio como un destino único que ofrece infinitas posibilidades”.

Así mesmo, púxose en valor o apoio da Xunta con iniciativas como as xornadas de portas abertas que chegan este outono á súa décima edición ou os traballos de sinalización da Ruta dos Viños desta denominación de orixe, que están actualmente en execución cun investimento próximo aos 140.000 euros.

Tamén se destacou que iniciativas de promoción como a que se desenvolve esta fin de semana na Ribeira Sacra supoñen a posta en valor dun recurso cuxa demanda está en auxe e que pode complementarse con outras propostas para atraer a máis públicos, como os Outonos Gastronómicos, que promove a Xunta ata finais de ano para estimular a demanda de aloxamento e restauración nas casas rurais.

Programa na Ribeira Sacra

A Xunta e as cinco Asociacións das Rutas dos Viños de Galicia celebran este mes a nova edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños, que inclúe por vez primeira unha fin de semana para cada unha delas. O lema deste ano é Volvemos a brindar.

No marco desta iniciativa, a Ribeira Sacra acolle hoxe e mañá visitas guiadas e de balde ás 11 adegas participantes na promoción. Ofértanse actividades e itinerarios variados con paradas en lugares de interese como o EcoMuseo de Arxeriz, o Centro Oleiro Rectoral de Gundivós (Sober), o mosteiro das Bernardas (Pantón) o Museo do Viño da Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), unha visita teatralizada ao Pazo de Tor (Monforte) e a outros espazos de referencia como os miradores.

Outras propostas son a Ruta do Románico en Sober, Ruta entre Oliveiras da Ribeira Sacra, Ruta entre Sendeiros do Cabo do Mundo, visita ao museo etnográfico de Quiroga, catas, degustacións, paseos en lancha e un percorrido en segway con monitor entre Doade e o Mirador Souto Chao.

Todas as actividades están concibidas para ser gozadas en pequenos grupos e previa reserva, co obxectivo de seguir dándolle cumprimento ás medidas preventivas e de seguridade derivadas da crise sanitaria, garantindo así un enoturismo seguro.

Así mesmo, ofértase o servizo de transporte no Bus do Viño cun guía turístico especializado para os participantes que queiran facer as visitas ás adegas, museos e outros lugares de interese. O aforo está limitado ao 60% e hai que reservar praza.

A programación continúa ata finais de mes, a vindeira fin de semana na Ruta dos Viños do Ribeiro e finalmente, do 29 ao 31 de outubro, na de Monterrei. Na páxina web de Turismo de Galicia está dispoñible toda a programación, teléfonos, enderezos e os prezos das promocións.