Skip to main content
Chantada

Chega ao CEIP Xoan Requeixo de Chantada unha xornada polideportiva

Por 22 Outubro, 2021Sin comentarios

O pavillón do CEIP Xoan Requeixo de Chantada acollerá este sábado unha xornada polideportiva organizada pola Federación de Anpas (FAPACEL) coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Trátase dunha actividade incluída no programa Somos deporte, somos rural, que pretende paliar as desigualdades que existen entre o rural e o urbano no que se refire ao acceso ás actividades extraescolares.

Asi, durante a mañá, as instalacións do centro acollerán demostracións de disciplinas como o béisbol, a billarda, o pentatlon, o hockey, o voleibol, o balonmán, o xadrez, o judo ou o atletismo. O recintos deportivo dividiranse en diferentes zonas nas que monitores e especialistas nas distintas disciplinas explicarán as nocións básicas para a práctica de cada deporte.

Así pois, explicouse que “temos un tecido de clubs e entidades deportivas extenso e diversificado pero, como sucede con outros servizos, concentrado ao redor das cidades e das vilas de máis poboación, de aí a necesidade destas iniciativas paralelas, que traten de garantir esa igualdade de oportunidades para nenas e nenos, vivan onde vivan”.

A presidenta da Federación de Anpas, Isabel Calvete, sinalou que “promocionar o deporte entre as anpas do rural é un paso para intentar alcanzar unha igualdade de oportunidades en todo o que atinxe á educación e ao desenvolvemento das crianzas no rural. A falla de nenas e nenos non pode ser xustificación para que estas crianzas non teñan as mesmas oportunidades que calquera nena ou neno galego. Temos que intentar que o ensino no rural, no seu máis amplo senso, sexa garante de calidade”.