Skip to main content
Folgoso do Courel

Aprobado o proxecto construtivo das obras de mellora na estrada LU-651

Por 14 Outubro, 2021Sin comentarios

Xa se aprobou o proxecto construtivo da 1ª fase das obras de mellora da estrada autonómica LU-651, no treito entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, que suporán un investimento de 3,38 millóns de euros.

Trátase da primeira fase da actuación proxectada de acondicionamento desta vía autonómica que conecta o núcleo de Quiroga co de Seoane do Courel, no tramo de 14 quilómetros entre Folgoso e Seoane do Courel, no concello de Folgoso.

A execución destas obras, que se realizará por fases, comezará polo citado treito entre Ferrería Vella e Seoane do Courel. O obxectivo é licitar esta primeira fase das obras a finais de ano ou principios de 2022. Os traballos contarán cun prazo de execución de 12 meses.

Publicación no DOG

O Diario Oficial de Galicia (DOG) tamén publicou no día de onte o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución do conxunto do proxecto de mellora da LU-651, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 21+600 e o 35+670.

O proxecto ten como obxectivo a mellora das características deste tramo da LU-651, á que a Xunta destinará un investimento total de máis de 10 millóns de euros, incluíndo o pagamento dos 131 predios precisos para a súa execución

O Consello da Xunta autorizou o pasado 30 de setembro as expropiacións para impulsar esta actuación, e o pasado día 8 deste mes, o DOG tamén recolleu a aprobación do expediente de información pública e definitivamente do proxecto de trazado.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento das actas previas no cuarto trimestre do ano.

As actuacións proxectadas

Trátase de realizar unha intervención na estrada que compatibilice a mellora da súa funcionalidade e da seguridade viaria cos valores ambientais e paisaxísticos do seu percorrido. Case o 80% do treito considerado son curvas e a recta máis longa é de tan só 96 metros de lonxitude.

As obras prevén a ampliación da plataforma da estrada, permitindo en todo momento asegurar dous carrís de circulación cun mínimo de 3 metros de anchura, con beiravías, agás naqueles puntos onde exista cuneta de seguridade. Para isto, será necesario ampliar 11 pontóns, conservando os muros existentes para minimizar a afección desde o punto de vista ambiental.

No proxecto de ampliación inclúese a execución dunha senda entre o núcleo de Folgoso do Courel e a área recreativa de Traspano-Os Alvares, e a implantación de gabias de seguridade transitables de 90 cm de ancho, que permitan mellorar a seguridade viaria e a drenaxe da plataforma.

Tamén se renovarán os sistemas de contención de vehículos, executaranse cunetas de seguridade e renovarase a rede de drenaxe lonxitudinal e transversal. Ademais, construiranse 19 muros de contención, realizaranse traballos de sostemento de terras e rehabilitarase o firme en todo o treito obxecto das obras.

No marco deste proxecto, prevese tamén habilitar un aparcadoiro para autobuses no entorno de Seoane do Courel, adxacente á parcela na que se localizan actualmente os servizos de Protección Civil.