Skip to main content
Monforte

Inaugurada a nova iluminación da fonte cibernética de Monforte

Por 1 Outubro, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte procedeu a inaugurar  a nova iluminación da fonte cibernética da praza da Compañía.

Para a execución destas obras de mellora na iluminación e no sistema de son da fonte, o equipo de Goberno destinou un orzamento total de algo máis de 12.000 euros e foron desenvoltas pola empresa Water Light Tech, que é especialista neste tipo de instalacións a nivel internacional, e que ten realizado instalacións deste tipo en fontes de varios países do mundo.

O novo sistema informático e electrónico da fonte permite a programación dunha gran variedade de coreografías, nas que a luz, que conta cunha ampla gama de tonalidades e cores, e os 18 chorros de auga están sincronizados con respecto á música. Ademais, esta programación pode configurarse e modificarse online, mediante control remoto, desde outro equipo informático.

Con esta actuación, o Concello completa as obras de mellora nesta fonte cibernética, logo de que no mes de xuño se procedera á reparación das bombas da fonte, así como no cambio da malla metálica, e a instalación dun peche perimetral na mesma, cun investimento de case 40.000 euros. En total, a inversión e de algo máis de 52.000 euros.

Horarios de funcionamento

A iluminación, así como o espectáculo audiovisual da fonte cibernética da Compañía, funcionarán en horario de verán ata o vindeiro domingo día 3 de outubro. Deste xeito, funcionará de 11 a 15 horas, e de 18 a 2 da mañá.

A cada hora en punto, soará unha canción, de actualidade e coñecida para o gran público, que irá sincronizada, nunha coreografía conxunta, coa iluminación e os 18 chorros de auga da fonte. A última entrada musical será ás 22 horas.

A partir da vindeira semana, o horario de funcionamento do espectáculo de luz e son da fonte será o propio de inverno, é dicir, venres de 18 a 22 horas, e sábados, domingos e festivos, de 12 a 15 e de 18 a 22 horas. Do mesmo xeito, manterase a entrada da coreografía musical e de iluminación cada hora en punto.

Novidoso sistema de iluminación e son

O Concello de Monforte de Lemos conta con diversas fontes públicas por toda a súa xeografía. Unha das máis concorridas é a que se sitúa na praza da Compañía, a fonte cibernética que se sitúa diante das Casitas da Compañía, que é un dos puntos de máis interese e afluencia turística da cidade.

Dende o Equipo de Goberno, decidiuse a súa recuperación integral, iniciada no mes de xuño coa reparación, por parte do Concello, das bombas de auga, así como a substitución da reixa electrosoldada, que correu a cargo da empresa monfortina Alumetal, e a instalación dun cerramento perimetral, cuxa colocación foi encomendada á empresa Global PCH Lugo, S.L.U.

Procedeuse á instalación dun equipo informático e electrónico composto por un ordenador Notebook, no que van instaladas as aplicacións para a programación, execución e control das coreografías de luz e son, que están sincronizadas cos chorros de auga.

No ordenador están tamén instaladas as cancións que son coreografiadas, así como as secuencias de auga e luz axeitadas para estas coreografías.

Para o control externo cara ós equipos Dimmers, así como os decodificadores RGB, instalouse un controlador DMX512, encargado do envío dos sinais DMX ós diferentes equipos da instalación.

Con este sistema, dende a pantalla do ordenador pódense seleccionar os diferentes tipos de funcionamento, alternando entre o modo musical, o modo secuencial sen música, e o modo fixo.

A mellora da iluminación da fonte cibernética da Compañía, levouse a cabo a través da instalación de proxectores Led RGB 3 en 1 con lámpara de Led Cree de alta intensidade, cunha potencia de 15 watios a 24 Vdc.

O modelo de proxector é o WLT-7701615 fabricado integramente en aceiro inoxidable AISI304 con grado de protección IP68 e leva un soporte en forma de U para facilitar a anclaxe á tubería do chorro..