Skip to main content
Monforte

Monforte acolleu o inicio do Campionato do Mundo de Carreiras de Aventura

Por 4 Outubro, 2021Outubro 5th, 2021Sin comentarios

Continúa o Campionato do Mundo de Carreiras de Aventura, que comezou este pasado sábado na Praza da Compañía de Monforte de Lemos. A proba, que é a segunda vez que ten lugar en España despois de que Castela e León a acollera no ano 2010, arrancou o pasado sábado na cidade do Cabe e percorrerá, ata o día 9, unha vintena de concellos lucenses e as provincias de Ourense e A Coruña. Pola súa parte, a Deputación de Lugo colabora cunha achega de 60.000 euros.

José Tomé, que foi o encargado de cortar a cinta da proba deportiva, estivo acompañado pola deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o director da proba, Pablo López. Ao acto acudiu tamén a tenente alcalde de Monforte, Gloria Prada, e outros membros da corporación municipal.

A Gallaecia-AR World Championship 2021 bate esta edición récord de participación, con preto de 100 equipos inscritos e máis de 400 participantes de 24 países, que completarán un trazado de 620 quilómetros combinando etapas de kayak, bicicleta de montaña ou trekking.

A colaboración da Deputación con este campionato mundial responde “a nosa vontade de consolidar á provincia de Lugo como un escenario de grandes acontecementos deportivos de repercusión global”, tal e como explicou o presidente, que engadiu que axudará tamén a promocionar o territorio e favorecer o turismo de calidade e sostible.

O mandatario provincial subliñou que, a curto prazo, a celebración da carreira terá un impacto económico directo na provincia estimado pola organización en máis de 200.000 euros, pola presenza de 600 persoas -entre os participantes e os equipos de apoio, “o que, sen dúbida, incentivará o consumo na hostalería e no comercio local”.

A repercusión a longo prazo en termos de promoción “tamén será de primeiro nivel”, recalcou José Tomé, tendo en conta que a audiencia prevista deste campionato será de máis de 7,5 millóns de persoas, “que van ver a nosa paisaxe e patrimonio a través dos medios de comunicación e das redes sociais”. “O deporte xera coñecemento e interese, polo que resulta un dos mellores escaparates para promover a nosa oferta de lecer, e o noso modelo de turismo de calidade e sostible vinculado á natureza. Estou convencido de que, despois de coñecer as nosas paisaxes como deportistas ou seareiros, moitos animaranse a visitar a nosa provincia como turistas”, afirmou.

Os mellores, entre os 100 equipos participantes

O campionato reúne aos 11 dos 12 primeiros clasificados mundiais das Adventure Racing World Series (ARWS) 2021 entre os 100 participantes, unha cifra récord na historia das carreiras de aventura. Os franceses 400 Team Naturex, primeiros na clasificación, Lozere Team2Raid (9) e Hoka One One (12), os ecuatorianos Movistar-Terra Aventura (2) e Life Adventureteam Imptek (7), o español Torpedo-Vidaraid (3), os suecos ARSweden (4) e Swedish Armed Forces Adventure Team (SAFAT) (11), o Estonia Ace (5), o ruso Blizzard (8) e o checo Black Hill-Salomon (10) son os 11 dos 12 primeiros clasificados das ARWS 2021.

Esta proba outorga o título de campión do mundo entre os 24 países participantes: España (36 equipos), Francia (14), Suecia (8), Estados Unidos (6), Gran Bretaña (5), Polonia (4), Dinamarca, Colombia (3), Ecuador, Estonia, Finlandia, República Checa e Rusia (2), Alemaña, Bélxica, Brasil, Croacia, Guatemala, Irlanda, Israel, Italia, Letonia, México e Países Baixos (1). Con esta cifra, o Raid Gallaecia supera o récord de participantes na historia das carreiras de aventura. A plusmarca establecérase no XPD Australia en 2016, cando competiron 94 cuartetos.

O tempo estimado do gañador é do redor dunhas 90 horas (uns 4 días). A carreira continuará aberta ata as 168 horas, pois a meta pecharase o sábado 9 de outubro, ás 12 horas. Ese mesmo día terá lugar a cerimonia de entrega de premios, a cea e a festa final.

A historia da competición

As orixes deste deporte remóntanse aos anos 60 do século pasado, coa organización da Karrimor International Mountain Marathon (1968, Gran Bretaña) unha carreira de montaña que se disputou por parellas e na que os participantes debían cargar co material necesario para subsistir ao longo de dous días. O Raid Gauloises (1989, Nova Zelanda) foi a primeira proba que engadiu todos os elementos actuais das carreiras de aventuras tipo expedición: equipos mixtos, varios días de competición e máis de 400 quilómetros combinando disciplinas de trail, bicicleta de montaña, kayak, cordas e orientación.

O primeiro Campionato do Mundo de Raid de aventuras tivo lugar hai xusto 20 anos, no 2001, e esta será a edición número 17, posto que a proba non se puido disputar no 2002 e 2003, e leva dous anos sen celebrarse pola pandemia.

Pola súa parte, o Raid Gallaecia naceu no 2013, aínda que viña disputándose con diferentes denominacións desde 2005. Tras esa edición inicial, ao ano seguinte foi o Campionato de España da especialidade e no 2015 entrou nas AR World Series co nome de Raid Gallaecia Expedition Series Spain, adquirindo carácter bienal. Tras as edicións do 2017 e 2019, este ano o AR World Championship celébrase en España por segunda vez. O Bimbache Extrem, en Castela e León, acolleu o AR World Championship en España no 2010.