Skip to main content
Monforte

Nova formación sobre a xestión das explotacións de vacún de leite en Monforte

Por 7 Outubro, 2021Sin comentarios

O vindeiro mércores, 13 de outubro, celébrase un curso sobre a eficiencia da xestión das explotacións de vacún de leite no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos. A acción formativa celebrarase en horario de mañá, de 10 a 14 horas.

O obxectivo da iniciativa é transmitir os coñecementos mínimos suficientes para levar a contabilidade dunha explotación e calcular os índices que poidan utilizarse como indicadores da boa marcha da granxa, mediante o análise de casos reais de explotacións de vacún de leite.

Así, o programa inclúe contidos sobre a xestión técnico-económica, analizando os ingresos, custos fixos e variables, as amortizacións técnicas, o cálculo do custo de produción e da marxe neta, entre outros. A idea é que os asistentes poidan elaborar a súa propia conta de resultados, tendo tamén en conta o custo da recría e das forraxes. Ademais, os alumnos poderán familiarizarse co emprego da aplicación Conta Láctea, posta en marcha no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego para facilitar o cálculo dos custos de produción destas granxas de cara a acadar unha xestión empresarial axeitada e aumentar o poder negociador dos gandeiros sobre o prezo do leite.

Canto aos participantes, a acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico ceca.monforte@edu.xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982 889 105.