Skip to main content
Monforte

Tres cursos sobre alimentación de rumiantes en Monforte

Por 13 Outubro, 2021Sin comentarios

Monforte acolle tres cursos sobre o manexo da alimentación de ruminantes a base de pastoreo no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal. Ditas accións formativas celebraranse en horario de mañá, de 10 a 14 horas, os vindeiros días 18, 19 e 20 de outubro.

O obxectivo destes cursos é formar e asesorar ao sector gandeiro para facer un bo uso do pastoreo como método de alimentación óptimo para abaratar os custos de produción e mellorar a calidade dos produtos finais, baseándose nunha gandaría máis eficiente e respectando o medio ambiente. Neste senso, o programa dos cursos centrarase nos principios básicos e sistemas do pastoreo, cunha visita final a unha granxa que emprega esta técnica de alimentación.

Cabe apuntar que estas accións están dirixidas en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma estes.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes. Así, deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico maria.estrella.rodriguez.rodriguez@xunta.gal e consultar calquera dúbida no teléfono 982 889 102.