Skip to main content
Monforte

Novo curso sobre viticultura sostible en Monforte

Por 15 Outubro, 2021Sin comentarios

Monforte de Lemos organiza un curso sobre viticultura sostible. Comezará o vindeiro luns 18 e desenvolverase ata o xoves 21 de outubro en horario de mañá, de 9 a 14 horas.

O curso versará sobre a aplicación de técnicas de cultivo que sexan ambiental e economicamente axeitadas, co fin de producir uvas que alcancen os potenciais enolóxicos e os rendementos adecuados para conseguir viñedos viables. Desta forma, preténdese fomentar unha viticultura que minimice os impactos no medio ambiente.

Nesta liña, no programa constan contidos sobre a preparación do solo, o seu mantemento e rexeneración, así como os tipos de abono máis aconsellados para cada unha das zonas. Tamén se abordará a planificación das plantacións, os estados fenolóxicos da vide e o control e diferenciación das pragas e enfermidades que poidan ter os viñedos. Así mesmo, analizaranse as alternativas ecolóxicas e a súa influencia sobre a calidade da uva, as denominacións de orixe de viño en Galicia e as variedades admitidas en cada unha delas, entre outros moitos contidos de interese para os profesionais deste sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 997 279.