Skip to main content
Monforte

Monforte acolle a VII edición dos Premios Semente da Ribeira Sacra

Por 18 Outubro, 2021Sin comentarios

Celebrouse en Monforte de Lemos á VII edición dos Premios Semente da Ribeira Sacra, onde se premiaron e se agradeceu ás diferentes iniciativas empresariais presentadas o seu compromiso coa sustentabilidade e a súa ilusión por emprender.

Así pois, indicouse que, como xa ocorreu nas seis edicións anteriores, tanto nos proxectos finalistas como nos tres gañadores, a innovación volveu ser a protagonista á hora de pensar no desenvolvemento do medio rural e poñer en valor os seus recursos a través de propostas de economía circular; tecnoloxía aplicada ao sector primario —forestal ou vitivinícola, en particular—; ou vencelladas á cultura e o turismo sostible.

Facendo referencia á recente declaración da Ribeira Sacra —xunto coa Serra do Oribio e O Courel— como a sétima reserva da biosfera de Galicia, salientouse o afán das iniciativas presentadas por enxalzar e protexer este espazo natural e os seus sectores tradicionais, deixando de manifesto a súa aposta pola sustentabilidade e o seu compromiso co medio ambiente.

Ademais, quíxose agradecer á asociación Semente de Monforte, organizadora deste certame, o seu labor de mecenado para que poidan ver a luz iniciativas que apostan pola economía sostible na zona. Todas elas, engadiuse, aliñadas cos obxectivos globais da dixitalización e a transición ecolóxica, que constitúen factores indispensables para a recuperación económica.

Así, resaltouse o potencial dunha provincia como a de Lugo, onde se constituíron 290 proxectos empresariais nos nove primeiros meses do ano –un 20% máis que no mesmo período de 2020–.